Ecoloxistas denuncian ameazas dalgúns dos participantes na 'VI Copa de España'.
Algúns cazadores non gustan da presenza dos ecoloxistas / Adega
O coordinador executivo de Adega, Martiño Fiz, advertiu de que buscará a información acerca dos animais cazados este sábado na 'VI Copa de España de Caza de Raposo' que tivo lugar en Rodeiro (Deza), para "comprobar se superaron a cota de raposos" estabelecida para os tecor -terreos cinexeticamente ordenados.
Un dato que tamén recoñeceu descoñecer, Eladio Ferreira, director de Equanimal, xa que o lugar ao que levan os animais mortos "é algo que ocultan" os participantes.
Fiz recordou que nun torneo como este, "no que se premia o que máis caza", é posíbel que se superasen os límites nalgunhas zonas. Segundo indicou, o seu grupo seguiu unha cuadrilla na Golada, tamén na comarca dezá, mais non tivo incidentes cos cazadores.
Non foi o caso do grupo de Ferreira. Este explicou tres casos en que un cazador ameazou -cunha escopeta, cun coitelo e verbalmente- un membro da asociación por facer fotos e gravar as actividades durante a competición.
A iniciativa, "todo un éxito"
O membro de Equanimal cualificou o resultado da iniciativa como "todo un éxito" porque os máis de 200 voluntarios que se desprazaron até o lugar conseguiron evitar que algunhas persoas cazasen animais, seguindo as cuadrillas e facendo ruído para escorrentar os raposos.
Ás 13.00 horas todos os grupos reuníronse fronte á casa onde comeron os cazadores, en Rodeiro, para protestaren e leren manifestos en contra deste tipo de eventos. Pola súa banda, a Federación Galega de Caza defendeu a xornada como "un día normal" desta práctica, que está permitida e "amparada pola legalidade".