O cinco mariñeiros restantes atópanse "ilesos, con signos leves de hipotermia", informou o 061.
Un dos seis tripulantes, de nacionalidade portuguesa, do mercante 'Braga', auxiliado este sábado polo Servizo de Salvamento Marítimo, finou, segundo informou o 061, por causas "aínda descoñecidas". O resto dos mariñeiros atópanse "ilesos con signos leves de hipotermia".
Os tripulantes foron rescatados ás 9.00 horas polo helicóptero Helimer de Salvamento Marítimo, logo de dar a alarma ao se rexistrar unha vía de auga no casco. Posteriormente, foron trasladados ao aeroporto de Alvedro onde dúas ambulancias recolleron os cinco superviventes para os levar ao Centro Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC).
Conforme indicaron fontes de Salvamento Marítimo, a tripulación estaba integrada por dúas persoas de nacionalidade portuguesa, dúas de Cabo Verde e dúas de Rusia. Os cinco superviventes foron dados de alta media hora despois do seu ingreso.
Buque escorado e á deriva
Así mesmo, a embarcación, que transportaba un cargamento de trigo, é de bandeira portuguesa, de 89,7 metros de eslora, e está actualmente a 77 millas ao noroeste da Coruña escorada uns 30 graos e á deriva.
Por este motivo, segundo asegurou Salvamento Marítimo, foi mobilizado o buque Ibaizábal para "tentar evitar o seu afundimento", labor "dificultado" polas condicións meteorolóxicas. O avión deste servizo sobrevoa a zona.