Para este mércores agárdase un lixeiro ascenso das temperaturas, aínda que a neve seguirá estando presente nalgunhas comarcas do interior.
19.00 horas: O Partido Popular emitiu unha nota de prensa na que se queixa porque a Consellería de Política Territorial non tomara medidas na Autoestrada do Atlántico, despois dos problemas viarios que se produciron nesa mesma estrada hai mes e medio.
No comunicado acusan de abandono á conselleira, María José Caride, falando de que "adica todo o seu tempo a colocar primeiras pedras e inaugurar cancelas co seu inseparábel Touriño". O portavoz parlamentario do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, afirma non entender como se volveu cortar a Autoestrada do Atlántico, malia que a Xunta conta cun servizo meteorolóxico propio e xestiona competencias en materia de protección civil, que inclúen protocolos de actuación en caso de alertas por nevaradas.
18.15 horas: O temporal que está asoballando o país nas últimas horas continúa dificultando a circulación polas estradas galegas, especialmente nas comarcas do interior. Así, Ourense e Lugo están a ser as provincias máis prexudicas, sendo obrigatorio o uso de cadeas en diferentes tramos de dúas estradas lucenses (a LU-701 e a LU-633) e outras 11 de Ourense (OU-121, OU-122, OU-411, OU-301, OU-0703, OU-1212, OU-1263, OU-1206, OU-1212, OU-312, e a OU-1205). Ademais, en moitas destas vías está prohibida a circulación a vehículos pesados.
No resto do país tamén se recomenda circular con precaución, xa que ao longo do día producíronse varios accidentes e tamén houbo algúns vehículos que se viron obrigados a deter a súa marcha. Así, houbo un accidente na N-634, á altura de Curtis e un coche caeu por un barranco en Vigo. En Lugo quedaron atrapados varios coches na estrada LU-751 e en Ourense unha ambulancia non puido acceder a Baños de Molgas por mor da neve acumulada na estrada. Para este mércores agárdase que suba lixeiramente a cota de neve, que seguirá sendo abundante nalgunhas comarcas do interior.
13.00 horas: A neve e o xeo bloquean máis estradas, incluída a AP-9
Un treito de 25 quilómetros da Autoestrada do Atlántico, entre as localidades coruñesas de Ordes e Masenda, quedou cortado ao tráfico na mañá deste martes. A empresa concesionaria iniciou o corte entre os km. 16 e 41 ás 12h. Contra as 13h30 informouse da reapertura á circulación. A causa argumentada foi a forte sarabiada caída na zona e a presenza de neve na estrada.
No treito afectado permanecen varios vehículos atrapados que circulaban no lugar. A circulación quedará pechada, segundo Audasa, até que remate a nevarada e se bote sal sobre os carrís. A concesionaria asegura que puxo a traballar na vía seis equipos quitaneves e un cento de persoas de conservación e mantemento. Tamén asegura que non lle vai cobrar peaxe aos afectados pola retención.
Problemas no resto do país
A presenza de neve na rede viaria tamén deixou coches atrapados noutras zonas. Así por exemplo, informouse de turismos e camións retidos no alto de Ourol, en Sarria, no corredor do alto do Faro, na altura de Chantada, e na A-6 á altura de Guitiriz.
Na provincia de Lugo é obrigatorio o uso de cadeas na LU-530 --quilómetro 0-57-- na Fonsagrada; na LU-701 --quilómetros 0-18 no Alto do Acebo e na LU-633 --quilómetros 1-19-- no Alto do Poio, en Pedrafita, así como nunha estrada local que vai dende Riotorto a Lourenzá. No resto de vías hai que circular con precaución.
En Ourense recoméndase circular con precaución por neve na A-52 --km 140-112-- na Gudiña; OU-540 --km 25-40-- en Bande; N-541 --km 42-51--, en Boborás; OU-531 --km 16-17--, na Bóla; OU-122 --km 16-26-- en Carballeda; A-52 --Km 182--, en Cualedro; A-52 --km 217--, en San Cibrao das Viñas.