Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FÚTBOL

O Mundial pode volver facer escala en Galiza

Este luns firmouse en Lisboa o protocolo de actuación conxunta entre as federación portuguesa e española, que pretenden organizar o Mundial do 2018.

Redacción - 18:30 19/01/2009

Os presidentes das federacións portuguesa e española de fútbol deron este luns o primeiro paso oficial para a constitución dunha candidatura conxunta á organización do Mundial do ano 2018. Con esa idea xuntáronse en Lisboa Gilberto Madaíl, representando ao organismo portugués; e Angel María Villar, facendo o propio co español. Desa xuntanza saíu asinado o protocolo que formaliza a candidatura e debe ser entregado antes do día 2 de febreiro na sede da Fifa.

O seguinte paso que debe dar agora a candidatura conxunta é constituír unha comisión de valoración das infraestruturas propias de cada estado, que despois deberán ser presentadas ante os correspondentes gobernos. Os presidentes das federacións amosaron o seu optimismo mentres lembraban o pulo que supón ao proxecto impulsado por Gilberto Madaíl a unión das dúas federacións. Nesta liña, o propio Madíl recoñeceu a Inglaterra como o gran rival de cara á organización do Mundial, mais afirmou que ve a candidatura ibérica preparada para loitar con ela.

Galiza podería así estar presente no Mundial
A confirmación desta candidatura implica a hipótese de que Galiza volva estar presente nunha Copa do Mundo. Á espera do recoñecemento oficial da selección nacional galega, os estadios do país poderían volver a albergar partidos do Mundial de fútbol, igual que acontecera no ano 1982. Daquela volta Balaidos e Riazor acolleron os seis partidos correspondentes ao grupo A da única Copa do Mundo que se celebrou até hoxe na península ibérica, e que foi organizada polo estado español.

Experiencia organizativa
Os estados portugués e español acumulan nos últimos anos bastante experiencia na organización de eventos deportivos de primeiro nivel. Así, en Portugal aínda está recente a organización da Eurocopa do ano 2004, que desencadeou nunha ampla renovación dos estadios portugueses. O Estado Español, pola súa parte, organizou o citado Mundial de fútbol do ano 1982, ademais de outros moitos eventos deportivos de importancia universal, caso dos Xogos Olímpicos de 1992.


4,2/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: