Conversas con dous árbitros non profesionais galegos á volta da polémica que adoita rodear a esta difícil profesión.
Un árbitro novo amosa o cartón amarelo a un xogador
Vieiros falou con dous árbitros non profesionais da Coruña sobre a delicada actividade coa que decidiron complementar os seus traballos: Xavier Rodríguez, conserxe nun instituto e árbitro de Terceira división; e Óscar Chouciño, avogado e árbitro de preferente.
Hai tempo que os medios de comunicación someten constantemente os árbitros de alto nivel a unha gran presión que dificulta o seu traballo. Esta presión consiste nun seguimento intenso de decisións tomadas en décimas de segundo e, moitas veces, consiste tamén en facer recaer sobre os seus erros a responsabilidade de resultados deportivos. Nesta idea afonda Xavier, cando recoñece que "o árbitro sempre foi o chibo espiatorio e, xeralmente, cando somos noticia nos medios é por cousas negativas".
A consecuencia máis palpábel é unha imaxe negativa dos árbitros entre os afeccionados ao fútbol, que cada vez teñen menos reparos en ceibar severas diatribas por un fóra de xogo mal medido. Como di Óscar, "os que máis sofren isto son os que comezan". Xavier é profesor de regulamento na delegación da Coruña do colexio de árbitros, e recoñece que "o peor é ver a pais de rapaces chamándolle auténticas animaladas a rapaces que teñen a idade do seu fillo e só están mirando de facer o seu traballo ben".
Cando vemos exemplos desta índole en campos de elite, onde existen unhas severas medidas de seguridade, non conseguimos evitar aquela ácida reflexión cargada de retranca que dicía o de: "váichelle no soldo". Máis grave é cando a integridade física dos xuíces chega a correr perigo, en divisións que non contan coas infraestruturas suficientes para que o árbitro faga o seu traballo dun xeito seguro. Cando lles preguntamos se os mallaron algunha vez Óscar responde que non malia ser gravemente ameazado nalgunha ocasión, agregando que "tiven sorte", mais Xavier recoñece que foi agredido nunha ocasión. Explícanos que lle fenderon o labio dunha puñada e sinala que "o que máis me doeu foi a sensación de frustración, xa que non entenden que ti vas alí a facer o teu traballo, pero non tes detrás unha afección, ninguén che aplaude". Óscar afonda nesta inxusta soidade que rodea ao árbitro, e fala de que "nós somos unha parte do deporte e a xente non se dá conta, pero se marchamos non se pode xogar ao fútbol, facemos falta".
Sobre as motivacións que levan aos mozos a comezar na arbitraxe Xavier fala de que "moitos comezan por probar", mentres que Óscar afirma de que "debe haber unha vocación". Xavier, que da clases de regulamento aos nenos no colexio de árbitros, comenta que "unha vez que comezan cóllenlle o gusto". Ambos coinciden ao descartar o factor económico como a motivación principal, aínda que, recoñecen, toda axuda é pouca nos malos tempos que viven hoxe as economías domésticas. Así, Chouciño afirma que para el a arbitraxe supón un extra de uns 300 ou 400 euros ao mes indo a varios partidos de preferente como árbitro e outros de teceira como xuíz de liña. Xavier cóntanos que "dende que se fala de crise cada vez vemos a máis xente arbitrando, de aquí e tamén emigrantes, moitos facendo varios partidos ao día durante as fins de semana, procurando na arbitraxe unha fonte de ingresos fóra da súa profesión". Mais ambos coinciden no exemplo dos partidos de xuvenís para ilustrar a vocación que debe ter un árbitro, xa que segundo din "hai sábados que pasas dúas horas da mañá ao frío para rematar cobrando 10 euros".
A arbitraxe, sola do deporte sobre a que este camiña pero na que case nunca repara. Disciplina para xente fría, dura, e que teña a cobizada virtude de non precisar as louvanzas alleas para manter a flote a súa autoestima, porque na "profesión" que elixiron poucas veces as van apañar.