Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DA DIGNA RABIA (VI)

Cerros sagrados e resistencias subterráneas

O director do colectivo galego Pallasos en Rebeldía e do Festiclown, Iván Prado, fainos chegar a súa sexta crónica dende Chiapas.

Iván Prado - 12:00 20/01/2009

Onte foi un día realmente distinto e máxico para nós. Máxico con toda seguridade, porque estivemos cun home extraordinario, fillo dun lendario loitador polos dereitos dos indios -como a súa nai-, que na época de Lázaro Cárdenas, adestrou os futuros combatentes do revolucionario barco cubano Gramma, planeou co xeneral Sandino o levantamento armado en América Latina e fuxiu moitas veces da balacera dos terratenentes, grazas a unha burra nerviosa que a golpe de chimpo, practicamente, o converteu en intocábel.

Pois co fillo desta lenda social de Chiapas, fomos ao corazón do mundo maia, participando nunha cerimonia antiquísima e sincrética nun pobo tzotzil perto de San Cristóbal. Nesta vila, durante todo o día, os homes, nenos e anciáns entréganse á persecución dun touro de metate, que simboliza o poder salvaxe da natureza e que se vencella aos nahuatl, animais de poder que protexen aos pobos orixinarios destas terras.

Segundo o noso guía, esta cosmovisión, esta confianza na terra, nos nahuatl que poboan os cerros, nos lugares de poder e maxia, son parte fundamental do sistema de crenzas zapatistas, que lles permiten manter unha guerra de baixa intensidade con un dos exércitos mellor armados de América Latina, ao tempo que protexen estes vales de riqueza cultural interminábel, onde os propios indíxenas deciden como aplicar o cristianismo, e conviven bispados con sistemas antergos de dirección espiritual e curandeira, vencellada á nai terra.

"Non saquen fotos porque irán presos para a casa ejidal", esta foi a advertencia que ao inicio da noite nos facían as xentes nas casas que nos acollían e nos regalaban chocolate. Ser os únicos estranxeiros e güeritos do lugar era unha honra inmensa, pero incomparábel a cando botei a correr entre esa marea humana, e os propios indios me ensinaban por onde tiña que ir, falábanme, rían cos meus xogos de clown e de maxia. Quizás o momento chave foi cando, na metade da cerimonia, o consello de autoridades, que levaban toda a noite bailando e bebendo posh, pedíronme que me achegase a eles para facerlles xogos de maxia. Panos que desaparecían na miña man e saían de novo dos sombreiros cerimoniais ou moedas que se multiplicaban, non lles facían tanta graza como cando eu facía estralar maxicamente as súas narices ou orellas.

Cando a cerimonia chegou ao fin, chamáronnos a Xavi e máis a min para que tirasemos con eles das cordas que axudan a desmembrar o touro de metate, que logo sería sacrificado cun coitelo de mentira e co que lle sacarían o sangue sagrado que nos darían a beber dentro dunha xícara: posh sagrado con especias que simulaban a sangue do touro que verdadeiramente mataran á mañá. As mulleres botaran todo o día cociñando para que a esa hora da madrugada toda a xente puidese almorzar.

Fomos acollidos con cariño, risas e moito respecto, deixáronnos entrar nas súas capelas -convertidas en altares maias e onde nin os cregos da diocese poden entrar-, tocáronnos a súa música e déronnos da súa comida, pero sobre todo, ensináronnos o valor cultural tan importante que o EZLN está a defender cos seus fusís e as súas palabras.

Os zapatistas non soamente están a imaxinar novos mundos dende abaixo e á esquerda, senón que están a protexer formas de vida e códigos de relación que son fundamentais para a biodiversidade mundial e a construción doutra humanidade, e grazas a 13 anos de acompañar esta revolta digna, nós somos observadores solidarios e activos deste proceso que, sen lugar a dúbidas, é a primeira revolución do século XXI.

PD. Fotográfica: desta crónica non hai fotos, porque aínda que non nos levaran presos, non quixemos inmortalizar con imaxes algo que é eterno a través do corpo.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: