Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG

"Hai que converter o amor pola terra en compromiso político"

Quintana chamou a militancia da formación a "seducir" e explicar co proxecto do BNG "porta por porta" para acadar "un resultado histórico" o 1M.

R. Noguerol - 09:15 18/01/2009
Na Convención Nacional Electoral do BNG

Na Convención Nacional Electoral do BNG

"Cada apoio ao BNG é un apoio para Galiza", resumía o voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, cara o final da intervención coa que pechou a Convención Electoral Nacional da formación este sábado en Santiago de Compostela. Diante duns tres milleiros de militantes e simpatizantes, Quintana xa iniciara o seu discurso asegurando que o BNG pódese equivocar "pero nunca en contra dos intereses de Galiza" e definira a formación que lidera como "motor do cambio" no país. "Estamos en política para solucionar os problemas", subliñou, reprochándolle aos rivais políticos que tradicionalmente censurasen de partida as propostas dos nacionalistas, para pasar a asumilas co tempo. Puxo exemplo ao respecto coa iniciativa para o complemento autonómico das pensións e, de xeito destacado, a frustrada reforma do Estatuto.

Quintana salientou tres claves ao respecto do proxecto global que a súa formación pretende desenvolver desde o goberno na próxima lexislatura, resumíndoas na idea de "facer política para a xente, achegar un proxecto transformador e ofrecer a defensa insubornábel dos intereses do país". Debullou ao fío o voceiro nacional do Bloque que "para quen pensaba que o nacionalismo era só defensa da identidade, cultura e lingua", desde o executivo os seus representantes políticos terían revelado na práctica que "o nacionalismo está sobre todo para xerar benestar para a cidadanía". "Para que os cambios sexan estruturais deben estar asentados no pobo", dixo deseguido, defendendo a creación das galescolas, os centros de día ou o banco de terras.

No marco da actualidade de crise económica, Anxo Quintana desafiou o resto de formacións políticas a unírense á demanda do BNG en favor da creación dun Instituto Galego de Crédito co que a administración asuma "a función básica que as entidades financeiras fracasaron en garantir". De paso, censurou a actual postura do PP galego en contra da negociación bilateral de Cataluña co Estado para a reforma do sistema financiamento. Lembrou Quintana que Feijoo "votou en contra" da reforma do Estatuto que lle tería permitido a Galiza "negociar un financiamento adaptado ás nosas necesidades reais". Do mesmo xeito, defendeu a capacidade do Bloque de ser interlocutor con "capacidade de determinar as políticas do Estado", unha situación que, na opinión de Quintana, a cidadanía era consciente de que podían asumir vascos e cataláns e que Galiza conseguiu "a través do BNG". "Inxectamos autoestima en vea para o país", concluíu ao respecto o líder do BNG. "Gañando o BNG gaña Galiza", afirmou cara o final da súa intervención, solicitando da militancia da formación "usar toda a nosa capacidade de seducción para, porta por porta, converter o inmenso amor da cidadanía pola terra en compromiso político".

"Demostramos que Galiza pode xerar riqueza cando lle deixan"
Abrira a o acto político da tarde deste sábado en Compostela o candidato que encabeza a lista do BNG en Ourense, Alfredo Suárez Canal. Destacou o tamén conselleiro de Medio Rural o traballo "de construción de país" que na súa opinión desenvolveu o BNG "desde abaixo e sen ataduras" até conseguir demostrar desde o Goberno "a capacidade que ten Galiza de xerar riqueza cando lle deixan". Falou o político ourensán do impulso á autoestima do país e do "salto cualitativo e o cambio posíbel" aínda por diante se o BNG mantén a confianza da cidadanía.

"Nós somos xentes do pobo e o pobo galego é quen máis ordena no noso proxecto político", afirmou Suárez Canal, asegurando que co Bloque "Galiza nunca será moeda de cambio". A continuación, cerrou o seu discurso pedindo dos simpatizantes nacionalistas o traballo a prol dun "salto cualitativo" o próximo 1M que permita "un poder sen hipotecas, que cree benestar para o país". "Para iso temos o mellor director de orquestra para ser presidente da nación", dixo Suárez Canal en referencia a Quintana.

Por outro lado, a cabeza da lista do BNG en Pontevedra e tamén conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, iniciou a súa intervención con brincadeira ao respecto do cartel do líder do PP, Feijo009, e o filme 007, indicando que os nacionalistas teñen "milleiros de axentes con licencia para cambiar o país". Táboas aproveitou entre outros exemplos o do propio departamento que xestiona no Goberno para criticar a inacción dos populares e defender a capacidade do Bloque de ofrecer propostas "pioneiras" en materia de Vivenda. Por outro lado, quixo falar tamén en calidade de "filla de emigrantes" para subliñar que "o BNG nunca collerá as carabelas para ir polo botín dos votos da emigración".

No mesmo acto interviu tamén o cabeza da lista luguesa do BNG, o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, que abriu discurso comentando que "o vento sempre fora dos galegos, pero roubábannolo, como outras cousas". Blanco falou do concurso eólico e a petición para a construción naval civil en Ferrolterra como exemplos principais de "ferramentas prácticas" para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. "Na defensa dos intereses do país ninguén lle gaña ao BNG", dixo o lugués. Antes del intervira tamén Ana Pontón, segunda na lista nacionalista n'A Coruña, quen afirmou que o Bloque "demostrou que é posíbel poñer en marcha políticas transformadoras e novidosas que permiten rachar coa submisión ás políticas de fóra".


4,68/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: