Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BALONCESTO: LEB OURO

O Breogán presenta a súa candidatura formal ao ascenso

Os lucenses afrontan o último partido da primeira volta situados na cuarta posición, a só dúas vitorias do ascenso directo.

Redacción - 09:00 16/01/2009
Paco García dando instruccións aos seus xogadores

Paco García dando instruccións aos seus xogadores

Co paso das xornadas o equipo adestrado por Paco García foi escalando posicións e xa está instalado co grupo de cabeza, despois dun mal inicio no que apañou catro derrotas en sete partidos. Dende entón os lucenses conxuráronse para achegarse á cabeza da liga asumindo como un dogma a consigna segundo a que na unión dos xogadores reside unha das máis efectivas fórmulas para mellorar os resultados dun equipo. O cambio de mentalidade trasladouse ao parqué e agora esa é a palabra que mellor define ao Breogán: equipo.

Alén do avance na mentalidade colectiva houbo dous factores determinantes na melloría do Breogán, como foron a recuperación dos xogadores lesionados e a mellora no aspecto defensivo. As lesións foron protagonistas en Lugo no inicio desta tempada 2008/2009, xa que deixaron fóra durante seis partidos á gran estrela do equipo Brian Cusworth e a outros xogadores importantes como Nacho Ordín, Betinho ou Bill Phillips. Estas baixas obrigaron a fichar de forma circunstancial ao americano Michael Southall, e subir a xogar algún partido ao xogador do filial Xosé Luís Merino. Agora Paco García conta cun bloque consolidado e con el chegaron os resultados.

A outra clave do éxito que está acadando este equipo é a defensa. O exemplo máis claro viviuse o pasado venres día 9 no pavillón Barris Nord de Lérida. Alí o Breogán xogaba o partido correspondente á 16ª xornada de liga fronte ao Plus Pujol Lleida, até entón máximo anotador da liga Leb Ouro. O encontro saldouse cunha cómoda vitoria do equipo de Paco García por 78 a 68. O significativo do marcador é que o Plus Pujol tiña antes de ese encontro un promedio de 86´4 puntos, máis de 18 por enriba dos que anotou fronte ao Breogán.

Individualidades
Malia que o equipo é a grande estrela, sempre hai algunha individualidade que destaca e o Breogán non é a excepción. Nos últimos partidos tivo unha importancia especial a parella de bases e tamén o pivote americano Brian Cusworth. Esta tempada é a do despegue definitivo do base Daniel López, que se está a complementar á perfección co veterano Nacho Ordín. López lidera o equipo en asistencias, roubos de balón e é o segundo máximo anotador; mentres que Ordín está recuperado para aportar moito ao equipo dende o banco de suplentes.

Futuro
O equipo lucense está agora situado na cuarta posición, a só dúas vitorias dos líderes Lucentum Alicante e Club Melilla Baloncesto. Tendo en conta que o primeiro clasificado ascende de xeito directo á ACB e os oito seguintes loitan pola outra praza mediante unha rolda eliminatoria, as posibilidades de ascenso do Breogán están intactas a esta altura de ano, cun partido por xogar contra cada un dos líderes. Ca segunda volta a piques de rematar semella claro que Lucentum Alicante e Club Melilla Baloncesto van disputar a primeira posición que dá a posibilidade de ascender de xeito directo, agora só queda desexar que esta sexa unha lea entre tres e vexamos nela ao Breogán.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O equipo é a gran estrela en Lugo
O equipo é a gran estrela en Lugo
Brian Cusworth estase confirmando como o mellor xogador do Breogán
Brian Cusworth estase confirmando como o mellor xogador do Breogán
Paco García, adestrador do equipo
Paco García, adestrador do equipo