A resolución do TSXPV considera que a acusación popular -as asociacións Foro Ermua e Dignidad y Justicia- non está lexitimada para abrir un xuízo oral.
Otegi saúda a Ibarretxe na sala, antes de comezar o xuízo, a pasada quinta feira
O Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi (TSXPV) decidiu, esta segunda feira de mañá, arquivar a causa contra o lehendakari, Juan José Ibarretxe (PNV); os dirixentes do PSE, Patxi López e Rodolfo Ares; e os cinco militantes da esquerda abertzale, Arnaldo Otegi, Rufi Etxeberria, Pernando Barrena, Juan Joxe Petrikorena e Olatz Dañobeitia, polas xuntanzas mantidas en 2006, en plena tregua de ETA.
Otegi, Barrena, Petrikorena, Etxeberria e Dañobeitia -os catro últimos, en prisión- estaban acusados dun delito de desobediencia á sentenza de ilegalización de Batasuna, ditada polo Supremo; e Ibarretxe, López e Ares sentaron no banco dos acusados por colaboración necesaria a este delito.
Pesou o 'Caso Botín'
O tribunal considerou que a acusación popular, a única neste xuízo -formada polas asociacións Foro Ermua e Dignidad y Justicia-, non está lexitimada para comezar cun xuízo oral. Porén, o presidente do TSXPV, Manuel Díaz de Rábago, emitiu un voto particular co que quere considerar que as dúas asociacións están lexitimadas para pór en marcha o proceso.
Esta decisión final tivo en conta a petición da Fiscalía, segundo a cal debíaselle poñer fin ao proceso de acordo co que acontecera no Caso Botín -no que o presidente do Banco Santander quedaba exonerado de xuízo, nun caso de cesións de crédito-, segundo o cal se a acusación particular ou o Ministerio Fiscal non exercen a acción penal, non podo procederse á apertura de xuízo oral, só coas acusacións populares.
Porén, na primeira xornada do xuízo, a pasada quinta feira, a defensa do mandatario vasco retiraba a cuestión previa, que pedía a suspensión do proceso, xa que Ibarretxe quería continuar co xuízo para "demostrar a súa inocencia". Os demais avogados, xunto coa Fiscalía, pedíronlle ao tribunal que lle "puxese fin ao xuízo" de forma inmediata.
O 'xuízo ao diálogo político'
Este foi o nome que se lle deu ao proceso en Euskadi, durante os dous anos que os medios de comunicación o foron seguindo, até a pasada quinta feira, cando os acusados sentaron na sala, en bancos separados. Mais, no fondo, e segundo lle contaba naquela altura a Vieiros o xornalista Dani Álvarez, realmente non había moita expectación no país sobre a resolución, porque o "99% dos habitantes de Euskadi" non lle vían un sentido ao proceso. Porén, segundo Álvarez, o proceso había servir para que Ibarretxe comezase, sentado no banco dos acusados, e precampaña electoral, de cara aos vindeiros comicios presidenciais do 1 de marzo.