O BNG vai actuar "a todos os niveis", contactando con PPdeG e PSdeG para evitar un cara a cara Touriño-Feijoo.
O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera, anunciou, en conferencia de prensa esta sexta feira, que a formación á que pertence "vai actuar a todos os niveis" para tentar consensuar a realización dun debate a tres bandas, polo que vai abrir contactos cos outros dous partidos políticos con representación na Cámara -PPdeG e PSdeG- para evitar un cara a cara, como o que propuxo a televisión pública estatal entre Emilio Pérez Touriño e Alberte Núñez Feijoo.
"TVE non entende que Galiza non é Madrid"
Jorquera describiu como "impresentábel, dende o punto de vista democrático, a proposta de TVE", acrecentando que se trata dun intento de "desgaleguizar as eleccións", ao tempo que sinalaba que, con este feito "fica en interdito" a independencia da canle pública, que, ao seu xuízo "non entendeu que Galiza non é Madrid".
Con todo, Jorquera asegurou que a "sociedade galega non vai permitir que se violente a democracia", polo que se amosou "absolutamente convencido de que o debate non se vai producir". No suposto de que finalmente se desenvolvese o encontro a dúas bandas, e se consumase ese "insulto a Galiza e ás súas especificidades", os nacionalistas van "recorrer aos instrumentos xurídicos e legais para parar o debate", entre eles a Xunta Electoral.
Ademais, Jorquera denunciou que o Bloque "soubo, pola web" do ente público do convite enviado a PPdeG e PSdeG, e asegurou que, após poñerse en contacto co director de informativos, comprobou "as verdadeiras intencións de excluír a Quintana".
Quintana ofrécese para participar en todos os debates
O vicepresidente da Xunta e candidato do BNG á presidencia nas vindeiras eleccións do 1 de marzo, Anxo Quintana, advertiu a quen "organice e acuda" aos debates a dúas bandas que deberá "dar moitas explicacións" á sociedade galega, "que non o vai entender, baixo ningún concepto".
O nacionalista referíase á proposta de debate que esta quinta feira fixo pública TVE, na que convidaba a participar nun dos encontros televisados só ao líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, e ao líder do PSdeG, Emilio Pérez Touriño. Neste sentido, Quintana lembrou que Feijoo xa tiña xustificado este tipo de debate bipartidista "dicindo que ten que ser entre os candidatos que teñen a posibilidade de gobernar", ao que acrecentou que, de ser así, "debería ser" entre el mesmo e o actual presidente da Xunta, Touriño.
"Feijoo non ten absolutamente ningunha posibilidade de gobernar en Galiza despois destas eleccións", esclareceu Quintana, ao tempo que sinalou que a "sociedade galega quere que nos debates estean todos os xogadores" e avanzou que el, pola súa parte, vai acudir a "todos aos que sexa convidado, e, evidentemente, non podo ir aos que non sexa convidado".