Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Previsións de recesión

A economía portuguesa caerá un 0,8% este ano

O boletín do Banco de Portugal para o inverno, feito pública esta terza feira, confirmou as peores expectativas para a actividade económica portuguesa.

Redacción - 12:10 07/01/2009
Detalle da sede do Banco de Portugal en Braga / Flickr: sarean

Detalle da sede do Banco de Portugal en Braga / Flickr: sarean

O Boletim Económico de Inverno do Banco de Portugal (BdP) fíxose público (parte del, en .pdf) a pasada terza feira e del despréndese que a economía do país veciño ha de caer este ano un 0,8%, debido, sobre todo, á contracción das exportacións e do investimento privado. Mais estas dúas variábeis, xunto co PIB portugués, serán as mesmas que permitirán un lixeiro crecemento do 0,3% en 2010, sempre segundo este banco.

O Boletim Económico tamén destaca "o forte abrandamento da actividade económica à escala global", que irá determinar a recesión a nivel internacional, mais admitindo que este escenario poderase mudar no ano seguinte, o 2010 (cun crecemento do PIB do 0,3%), a pesar da persistencia de "fraxilidades de natureza estrutural" que han manter na economía portuguesa.

Se se confirmasen estes números, Portugal encadearía dous anos seguidos con taxas de crecemento inferiores á media da eurozona que, segundo o Banco Central Europeo (BCE), debera recuar un 0,5% en 2008, e medrar un 1% en 2010.

Para salvarnos dunha depresión a escala global
Ao tempo que se publicaba este boletín na rede, o director do Banco de Portugal, Vítor Constâncio, sinalou que unha futura evolución da economía portuguesa pasaría por desenvolver estímulos fiscais e económicos,q que han favorecer ás empresas e o consumo das familias, cousa que, segundo dixo, ha acontecer en toda Europa e nos EUA, podendo salvar o mundo dunha depresión a escala global.

Constâncio tamén sinalou que a previsión de que o PIB portugués medre un 0,3% en 2010 goza dunha "enorme incerteza", xa que esta variábel depende, para medrar, da evolución das economías comerciais coas que ten máis relación Portugal.

O impacto nas familias
Segundo o BdP, as familias portuguesas non van vivir, este ano, as consecuencias deste período de contracción económica con tanta intensidade como o fixeron nos períodos de crise de 1983, 1984, 1993 e 2003. De feito, o rendemento medio das familias, segundo esta previsión, ha rexistrar unha suba do 1,6%, o mellor resultado en oito anos. Isto é debido, segundo este informe, a que ao tempo que se rexistren aumentos nas nóminas e nas pensións, a inflación ha caer un 1%, o valor máis baixo dende 1974.

E no Estado Español
O Estado Español entrou oficialmente en recesión -cando o confirmou o Ministerio de Economía- o pasado 23 de decembro de 2008, ao encadear dous trimestres de crecemento negativo do PIB.

Mais para este ano que comeza, os analistas agardan unha contracción do PIB superior ao 1%, ao rozar a taxa de paro o 13%, o nivel máis alto da Unión Europea. Tamén hai quen xa vaticina que a mediados de 2009 se acade outra nova fase, a da depresión, que equivale a un período prolongado de ciclo económico negativo, cun elevado desemprego, baixo nivel de produción e inversión, perda de confianza das empresas, descenso de prezos e crebas empresariais.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: