Amnistía Internacional percorre o martes á tarde Vigo e o concello de Oleiros convoca unha concentración silenciosa o mércores.
Continúan en Galiza as manifestacións para amosar a repulsa contra o ataque israelí sobre Gaza. O concello de Oleiros convocou unha concentración silenciosa o mércores ao mediodía perante a casa consistorial.
Nun comunicado, o executivo oleirense cualifica de xenocidio os ataques de Israel e lembra que "nos últimos dez días morreron máis de 500 persoas e outras 2.500 resultaron feridas". A concentración pretende exixir o cesamento das hostilidades e demandar a mediación da ONU e máis presión da Unión Europea.
Por outra banda, activistas de Amnistía Internacional, identificados co anagrama da organización, percorrerán de 18 a 20 horas do martes a Rúa do Príncipe, en Vigo. Ademais, entregaranlles aos viandantes información sobre a situación en Gaza e convidaranos a entrar na web de AI para asinar un chamamento ás autoridades israelís.