O goberno español nega que pagase o rescate. O fotógrafo compostelán reúnese este luns coa súa irmá en Quenia.
O fotógrafo Xosé Cendón ten previsto reunirse este luns en Nairobi coa súa irmá Xulia. A súa liberación, despois de máis dun mes de secuestro, debeuse grazas ás "xestións políticas e diplomáticas" dos servizos de intelixencia británicos e españois e da empresa para a que traballaba Cendón no momento do rapto, o xornal The Daily Telegraph.
O ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación, Miguel Ángel Moratinos, negou que o goberno español pagase o rescate do secuestro. Xunto a Cendón foi liberado o xornalista británico Colin Freeman.
Nas súas primeiras declaracións, Cendón asegurou ter vivido "días duros" pero que, en xeral, tanto el como o seu compañeiro levárano "bastante ben". Durante 38 días os secuestradores leváronos "de cova en cova" polas montañas de Somalia.
Reaccións
A vicepresidenta do goberno español, María Teresa Fernández de la Vega, amosou a súa "satisfacción" pola liberación de Cendón e envioulle parabéns á diplomacia española. Tamén o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, amosou a súa ledicia e expresou o seu desexo de que o reporteiro volva a Galiza nos vindeiros días para se atopar coa súa familia.
Sumouse ás felicitacións o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), que salientou o traballo que desenvolven profesionais nos lugares de conflito para informar a sociedade do que acontece, especialmente en casos como o de Somalia.