Os datos adiantados do INE amosan que o IPC se situou ao nivel de hai nove anos, despois de caer case catro puntos en cinco meses.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este luns o indicador adiantado do Índice de Prezos ao Consumo Harmonizado, que volve amosar unha caída dos prezos no mes de decembro no conxunto do Estado Español. Segundo estes datos provisionais, a taxa anual da inflación baixou outras 9 décimas no último mes de 2008 até o 1,5%, fronte ao 2,4 do mes de novembro, cando tamén se producira unha importante baixada. Se se confirman estes datos, que serán definitivos o 15 de xaneiro, o IPC situaríase no seu nivel máis baixo dende xaneiro de 1999.
Dende o mes de xullo de 2008, cando o IPC tocou un teito do 5,3%, o indicador baixou 3,8 puntos, debido ao descenso do prezo do petróleo e tamén ao freo do consumo. Precisamente o arrefriamento da economía pode chegar a provocar deflación, como xa están a alertar outros estados. Porén, o goberno español descartou esta posibilidade.