Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fin de ano festeiro na mariña

"En Burela, as uvas pola nosa hora!"

O grupo armado burelao responsábel do apagamento do 96, que deixou a vila mariñá unha hora por baixo, volve actuar esta Noite Vella. Unha das súas novas reivindicacións: a festa. Vexa o vídeo no interior.

Redacción - 11:00 29/12/2008
Os tres membros da ORA-NH, no momento de lectura do seu comunicado

Os tres membros da ORA-NH, no momento de lectura do seu comunicado

En Burela, cando estaban a piques de tomar as uvas o 31 de decembro de 1996, fóiselles a luz. O concello enteiro quedou a escuras, e o paso de ano aprazouse xusto unha hora. Dende aquela, os burelaos e as burelás van unha hora por detrás do resto do mundo, mais até o de agora non se sabía da causa daquel estraño corte da luz de hai 12 anos.

Mais a pasada semana, un grupo armado burelao, que se fai chamar ORA-NH (Organizaçom Revolucionária Armada pola Nossa Hora), pendurou un vídeo na rede inculpándose daquel apagamento de Fin de Ano do 96, que causaron, segundo contan, colocando varios artefactos explosivos nas fontes de subministro eléctrico do concello.

Festa por unha hora menos
Saíndo da clandestinidade e explicando todas as súas artes, tres membros da ORA-NH, sen se dar a coñecer ou identificar de ningún xeito, revelan que xa renunciaron ás súas actividades delitivas, pero que van seguir reivindicando, por outros vieiros, que o seu país, Burela, siga funcionando unha hora por baixo do "imperio pequeno" -O Estado Español, sen contar coas Illas Canarias, que xa teñen unha hora menos.

Para isto organizan unha festa nun pub do seu país, no que se ha celebrar, segundo contan, "a pasaxe do ano pola nosa hora lexítima". Animan ao pobo burelao a seguir as súas 'recomendacións' en canto ao seu fuso horario, xa que, no caso de non facelo, ameazan: "Se non pasamos de ano con festa, será con cloratita!".

Poden ler aquí o comunicado completo da ORA-NH, ao que xa se adheriron diversas organizacións de Galiza, onde sinalan que "a comarca da Mariña vai camiño de se converter no santuario do movemento subversivo-esmorgueiro (reconstituído)".


Ligazóns

3,94/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: