A Federación Ecoloxista Galega asegura que a concesión dos muíños é de "dubidosa legalidade" e advirte de que "provocará danos irreversíbeis".
"As zonas da Rede Natura 2000 susceptíbeis de aproveitamento eólico na actualidade xa están afectadas por parques eólicos, pero en cambio dende a Consellaría de Industria non din ren sobre os novos espazos que pasarán en breve a formar parte da Rede Natura". Así o sinalan desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG), recordando que a propia Xunta ten admitido que a rede protexida actual é "insuficiente" e que é necesario un proceso de ampliación. No conxunto do Estado, e cun 11% do territorio baixo protección, Galiza aparece como pechacancelas neste aspecto.
"Neste sentido dicir que as novas concesións eólicas non afectarán a espazos da Rede Natura 2000, equivale a dicir nada", láianse desde a FEG por este motivo. A plataforma ambiental considera por isto que a Consellaría de Industria será responsábel "da maior e mellor planificada agresión ambiental ao conxunto do país", debido ao cal solicitan a dimisión do conselleiro. Polo mesmo, consideran os ecoloxistas que a Consellaría de Medio Ambiente "tamén deberá explicar por que en catro anos non foi capaz de levar adiante a ampliación da Rede Natura, tal e como demandara a UE e como se comprometeu o Goberno".
"Sucio truco" que deixa burato no proceso
A FEG considera "inadmisíbel" que a resolución eólica deste venres se realice de xeito previo aos estudios de impacto ambiental. Tal e como xa denunciaran anteriormente, recordan que as empresas realizarán estes informes ambientais despois de sérenlle adxudicados os parques eólicos. Deste xeito, a Consellaría de Medio Ambiente xulgará sobre eles a posteriori, de modo que a indemnización á empresa á que se vería abocada a Xunta no caso de negárselle a instalación dos muíños fará improbábel a denegación do estudo.
Dúbidas sobre a legalidade
A FEG pedira anteriormente a anulación da orde de marzo de 2008 que regula a concesión dos parques. Os ambientalistas entenden ademais que entra en colisión con diversas directivas e leis, desde a directiva de Hábitats, até a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, pasando pola Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade ou o decreto que regula o Catálogo galego de especies ameazadas. Na mesma liña e "esperando que o recurso prospere" anima a cidadanía a "iniciar accións legais contra a resolución dos novos parques".