Gobernos español e portugués confirman que en xaneiro anunciarán oficialmente a designación de Badaxoz como sede do 'Centro ibérico de enerxías renovábeis'.
Touriño, na cimeira de Braga, entre membros do executivo español
Os ministros español e portugués de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos e Luís Amado, mantiveron esta fin de semana unha xuntanza preparatoria da cimeira hispano-lusa que terá lugar na localidade de Zamora o 22 de xaneiro.
Na reunión, organizada en Viana do Castelo, tamén participou o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, que defendeu a importancia da cooperación transfronteiriza para impulsar a actividade económica e o emprego.
Moratinos e Amado valoraron moi positivamente o grao de colaboración entre ambos os dous gobernos. O xefe da diplomacia española destacou que a cimeira vindeira coincidirá cun momento de "incerteza e inquietude" pola crise económica e financeira mundial.
Neste senso, o seu homólogo portugués asegurou que a crise non vai supor ningún atraso nos investimentos públicos nos grandes proxectos ibéricos, principalmente -destacou- no tren de alta velocidade (TAV) entre Madrid e Lisboa.
Ademais, confirmouse que na próxima cita se anunciará oficialmente a designación de Badaxoz como sede do futuro 'Centro ibérico de enerxías renovábeis'. A súa creación avanzárase xa na última xuntanza bilateral, a de Braga do pasado mes de xaneiro, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Galiza-Norte de Portugal
Por outra banda, o secretario xeral de Relacións Exteriores, Xulio Fernández Mato, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron este luns o acordo de cesión dos despachos do Antigo Reitorado para albergara a sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galiza-Norte de Portugal.