Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PREMIO BLANCO AMOR 2007

Todas as cidades de Inma López Silva

A autora presentou a súa novela 'Memoria de cidades sen luz' no Casino de Santiago de Compostela.

Marcos S. Pérez - 11:15 18/12/2008

Inma López Silva gañou o Blanco Amor 2007 con Memoria de cidades sen luz (Galaxia), unha novela que percorre a historia de Europa, dende a A Coruña até París, antes e despois das guerras. Este mércores presentou o libro no Casino compostelán, acompañada de Encarna Otero ou Víctor Freixanes. Memoria de cidades sen luz é unha novela narrada en primeira persoa, mais é claramente unha novela de personaxes, de persoas guiadas polo medo, por exemplo o do rapaz que sendo cativo ve como asasinan a toda a súa familia, o a constante lembranza da guerra e do asasinato de Ánxel Casal.

Ánxel Casal, María Miramontes, María Casares, Casares Quiroga..., todos eles aparecen na novela. Inma López Silva invéntalles unha vida paralela á vida que coñecemos a través da historia. "Gústame contar a historia dende un punto de vista libre", di a autora: "é o que nos queda aos escritores: imaxinar o que non conta a historia; por exemplo neste caso quixen imaxinar que Ánxel Casal tiña máis vida ca que aparece nos libros de historia. Os escritores contamos vidas". A novela como espazo de verosimilitude. Inma López Silva mesmo bromeou na presentación co "medo a que veña falar comigo algún parente de Ánxel Casal e lle pareza mal o que escribín. Pero creo que non -continuou- conto unha historia de amor, unha historia moi bonita".

A guerra civil é o punto de partida; está sempre presente porque marca a vida das persoas, aínda que pasen anos e aínda que estean lonxe. López Silva reclama o dereito da súa xeración a contar a súa visión da guerra civil: "achegámonos a esa época coa vontade de facelo, cun interese persoal que non ten que ver con vinganzas ou axustes de contas. E facémolo dende a ficción, porque hai unha parte da emoción que xeran aqueles acontecementos que ten que ser recollida dende a literatura, e que o ensaio non podería reflectir".

Novela de cidades
É tamén unha novela de cidades, de todas as cidades de Inma López Silva: París, Nova York, Santiago, A Coruña: "tiña unha débeda pendente coa Coruña, que está moi presente na novela; quería recoller o cosmopolitismo que se respiraba alí nos anos trinta, que contradí a imaxe que sempre se ten da Galiza daqueles anos como país rural". "Escribín a novela que a min me gustaría ler; quería eliminar as filigranas estéticas e facer un relato, no sentido máis clásico, unha novela que enganchase", explica. A autora di tamén que coa publicación deste libro pechou un ciclo: "agora podo escribir outras cousas".

Víctor Freixanes salientou que a novela ten a "marca Blanco Amor", unha consideración que agradou á autora, que destacou a súa satisfacción por compartir este recoñecemento "con escritores aos que sempre admirei, como Suso de Toro, Caneiro ou o propio Freixanes". Pola súa banda, Encarna Otero, fixo fincapé na "liberdade que se respira en toda a novela", tamén nas opción sexuais escollidas por cada personaxe, "todos aman con total liberdade; é agradábel ler a visión dunha moza nova, libre, non puritana".


4,76/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: