Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Negociación dos Presupostos do Estado

A Comisión de Infraestruturas e o traspaso de competencias enlean o debate político

O PPdeG considera que o PSOE enganou o BNG en Madrid, porque aínda non se cumpriu co pactado. Os nacionalistas retrucan afirmando que esta semana terán noticias.

Redacción - 19:30 15/12/2008
Ruíz Rivas, este luns

Ruíz Rivas, este luns

"Esta semana anunciarase a data de constitución da Comisión de Infraestruturas", sinalou este luns o voceiro do BNG no parlamento español, Francisco Jorquera, en resposta ás acusacións lanzadas polo portavoz do PPdeG no Hórreo, Manuel Ruíz Rivas, poucas horas antes.

O popular instou o BNG a explicar se se vai comportar como "parvo útil" do PSOE e vai apoiar os Presupostos Xerais do Estado (PXE), logo de que o goberno español "incumprise" o pactado cos nacionalistas para conseguir o seu voto favorábel.

Ruíz Rivas recordou que os nacionalistas puxeran como "condición indispensábel" para apoiar os PXE que antes deste luns, 15 de decembro, se constituíse a subcomisión de infraestruturas no Congreso -aprobada na Cámara Baixa do parlamento español e mais no galego por unanimidade-, así como que se desbloqueasen as transferencias pendentes co noso país.

Jorquera recomendoulle que se "aclarasen" dentro do propio Partido Popular. "Ou lle parece ben que o BNG conseguise melloras para o país, e por iso interésase; ou lle parece mal que se chegue a acordos parlamentarios en beneficio de Galiza", afirmou.

Con estas palabras, o portavoz nacionalista facía referencia á pregunta que o líder da oposición no Congreso, Mariano Rajoy, vai facer esta cuarta feira na sesión de control ao goberno de Zapatero sobre as concesións a BNG e PNV na negociación dos PXE, e que considera "hipotecas" contraídas polo Estado.

Data "orientativa"

Se ben o Ruíz Rivas considerou que o Bloque "non serve para nada" en Madrid, Jorquera dixo que "a sociedade galega sabe da importancia" dos nacionalistas na negociación orzamentaria, e salientou os 80 millóns de euros conseguidos para desenvolver a Lei da Dependencia en 2009.

Ao respecto da data marcada para o cumprimento do pactado, Jorquera quixo matizar que esta era "orientativa" e que en calquera caso, son os gobernos do Estado e mais da Xunta os que teñen que desenvolver os prazos para completar o traspaso de competencias, "dentro das dificultades técnicas que poidan xurdir". "Que non se impaciente, o señor Ruíz Rivas, que esta semana ha de ter noticias", manifestou.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: