Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Europa

As primeiras afectadas polas alteracións climáticas: as bolboretas

Segundo un novo atlas no que se pode observar a súa distribuación polo continente, veranse obrigadas a fuxir cara o norte, ao non poder soportar o calor.

Redacción - 13:50 20/12/2008
Capa do atlas

Capa do atlas

Presentouse esta semana un estudo europeo que xuntou información recollida por milleiros de voluntarios sobre a distribución das bolboretas no continente europeo, aplicando modelos climáticos para prever a reacción deste grupo de animais -os insectos lepidópteros- á suba da temperatura media do planeta.

O resultado quedou compilado nun libro titulado Climatic Risk Atlas of European Butterflies, e del despréndese que as bolboretas serán un dos primeiros animais en verse afectados polas alteracións do clima, polo que se van ver obrigadas a fuxir cara o norte de Europa, lonxe da calor."A maioría das especies van ter de alterar radicalmente a súa distribución. O xeito do que se comporten, naquela altura, vai indicar a posíbel resposta de moitos outros insectos, que en conxunto chegan a ser os dous terzos de todas as especies", di, citado nun comunicado de prensa, o principal autor do atlas, Josef Settele, do Centro Helmholtz para a Investigación do Medio, en Alemaña.

A principal conclusión do estudo é que as bolboretas van ter que migrar para lugares máis fríos, cando comece a subir, considerabelmente, a temperatura. Cando este momento chegue, os investigadores proxectan dous posíbeis escenarios. O peor, que conta cunha suba da temperatura media en Europa de 4,1 graos en 2080, prevé que o 95% da terra que actualmente está ocupada por 70 bolboretas diferentes, se torne demasiado quente para estas especies. O escenario menos radical, cunha suba da temperatura de 2,4 graos, prevé que a metade das áreas onde viven 147 especies de bolboretas, vai ficar inhabitábel.

As ameazas á vida das bolboretas
As bolboretas son ameazadas, dende hai tempo, por unha fragmentación progresiva das áreas onde viven e pola introdución dos monocultivos. No caso de que se visen obrigadas a fuxir do seu hábitat, non se sabe con certeza se conseguirían atopar outros lugares para colonizar, xa que moitas delas aliméntanse dunha única especie vexetal.

A súa desaparición pode ter un gran impacto no ecosistema, xa que son importantes na cadea alimentar, servíndolle de alimento a morcegos e aves, ademais de ser excelentes polinizadores.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: