Iolanda Díaz, ex tenente de alcalde de Ferrol e voceira municipal de Esquerda Unida, será responsábel da Secretaría de Políticas Sociais.
Cayo Lara
O dirixente do Partido Comunista de España (PCE) Cayo Lara foi elixido este domingo novo coordinador xeral de Izquierda Unida (IU) co 55,08% de votos do Consello Político Federal. A votación saldouse con 92 votos para Lara, 29 para o outro candidato, Joan Josep Nuet (17,3%), e 46 en branco (27,54%).
Despois de que a IX Asemblea Federal do pasado novembro finalizase sen un novo líder para a coalición por falta de acordo entre as diferentes sensibilidades, tiveron que ser os 167 membros acreditados do Consello os que este mediodía decidiron que sexa Lara o encargado de suceder a Gaspar Llamazares.
Deste xeito, o PCE recupera o liderado na coalición oito anos despois, aínda que todas as sensibilidades acordaron a composición dunha Comisión Executiva (a vella Dirección) colexiada e compartida na que todos están representados (10 do PCE incluíndo a Lara, 6 'llamazaristas', 5 da terceira vía, 1 da CUT e 1 dos non aliñados).
A proposta de Dirección foi ratificada polo Consello por 89 votos a favor, 21 en contra e 34 en branco. Un chanzo por debaixo de Cayo Lara na Dirección estará Nuet (membro da terceira vía), que será coordinador da área Interna, mentres que Rosa Aguilar ('llamazarista') encargarase da coordinación da área Institucional.
As outras tres grandes coordinacións estarán dirixidas polos comunistas Marga Ferrer (Elaboración de propostas programáticas) e Willy Meyer (Internacional), e polo 'llamazarista' Pablo Prieto (Política Territorial e Sustentabilidade).
Iolanda Díaz, na Dirección
Dentro das seis grandes áreas de coordinación hai un total de 17 Secretarías, que tamén se repartiron de xeito proporcional as diferentes sensibilidades. A ex tenente de alcalde de Ferrol e voceira municipal de Esquerda Unida, Iolanda Díaz, estará á fronte da de Políticas Sociais.
No seu discurso, Lara sinalou o PSOE e o PP como máximos representantes do neoliberalismo no Estado Español, e cualificounos de brazos do sistema capitalista.