Logo dun polémico pleno ao que acudiron centos de veciños, Nidia Arévalo é a nova alcaldesa grazas ao apoio dun tránsfuga do PSdeG.
A conservadora Nidia Arévalo é dende este venres a nova alcaldesa de Mos. Grazas ao apoio dun tránsfuga do PSdeG, a moción de censura contra até o de agora rexedora, a socialista María Xesús Escudero, saíu adiante. Agora falta por ver se a dirección do PPdeG, que non apoiou publicamente a manobra, vai tomar medidas disciplinarias contra os concelleiros.
Os promotores da moción de Mos acoden ao pleno con 30 “matóns" (13.30 horas)
O PPdeG está a ter auténticos problemas para sacar adiante a moción de censura contra a alcaldesa de Mos, María Xesús Escudero. Centos de veciños están a impedir o debate con continuos apupos e berros contra o edil socialista que cambiou de bando, Xerardo Alonso.
A polémica comezou a primeira hora da mañá, o tránsfuga e os oito concelleiros do PPdeG chegaron ao Centro de Desenvolvemento Local acompañados de trinta “porteiros de discoteca”, supostamente contratados polos populares. A alcaldesa cualificounos de “matóns” e pediu que saísen do pleno, algo ao que se negou o PPdeG. Unha hora despois de iniciarse a sesión, aínda non se puido iniciar o debate debido ás insistentes protestas dos veciños.
Declaracións antes do pleno (11.00 horas)
Admite a aínda alcaldesa do Concello de Mos, María Xesús Escudero, que confiaba en que cando se anunciou a moción de censura tiña a esperanza de que a dirección do PP parase a iniciativa dos populares locais. Afirma Escudero que agardaba que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, ou o presidente provincial do mesmo partido, Rafael Louzán, "puxesen orde" no PP de Mos.
"A estas horas a esperanza está perdida", manifesta a rexedora ás portas do pleno municipal no que se debaterá a moción de censura presentada polo grupo municipal do PP co apoio do ex-concelleiro socialista Xerardo Alonso. Na mesma liña en que se pronunciaran anteriormente os máximos responsábeis do PSdeG, María Xesús Escudero criticou que a dirección galega do PP non fose quen de facer respectar o pacto antitransfuguismo, recordando que a próxima comisión de seguimento dese acordo debería confirmar "a expulsión inmediata deses concelleiros".
"Será unha alcaldesa ilexítima", subliñou Escudero acerca da que será o seu relevo á fronte do poder local, Nidia Arévalo (PP), de quen criticou que aproveite para saltar ao poder "pola porta de atrás". Na opinión da aínda alcaldesa, os veciños han valorar e castigar nos próximos comicios municipais o episodio protagonizado estes días polo actual grupo do PP.