Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
NACHO NOVO, XOGADOR DO RANGERS

“Sempre tiven ganas de ir coa selección"

O dianteiro ferrolán xogará no mesmo día o derbi de Glasgow, Rangers-Celtic; e o partido da Irmandiña contra Chile.

Pablo García Martínez - 19:30 11/12/2008
Nacho Novo, coa camisola do Glasgow Rangers

Nacho Novo, coa camisola do Glasgow Rangers

Será no cuarto partido cando a Irmandiña poida contar por primeira vez co mellor goleador que o país deu nos últimos anos: o ferrolán Nacho Novo. Novo comezou no equipo da súa cidade, o Racing de Ferrol, pero despois dun breve paso polo Huesca marchou a Escocia onde seguiría marcando goles a moreas, como fixo toda a súa vida. Despois de pasar por dous equipos modestos fichou por un dos grandes, o Glasgow Rangers, e hoxe, aos seus 29 anos vive a quinta tempada nun equipo onde é moi respectado por afección e compañeiros. Este ano Nacho obtivo o permiso do seu adestrador, Walter Smith, para coller un avión despois do partido que o seu equipo xogará no medio día do 27. Vai ser unha xornada de emocións fortes para Novo, un dos xogadores máis queridos pola bancada do Ibrox Park, que tentará gañar agora o cariño da afección Irmandiña.

Vieiros: Poderemos ver por fin a Nacho Novo coa selección galega?
Nacho: Si, se todo vai ben este ano vou estar no partido. Sempre tiven ganas de ir, ver a xente que se xunta alí e desfrutar. O adestrador do Rangers díxome que podería ir despois do partido contra o Celtic e estou moi contento.

Entón vai ser un día moi especial, porque xogarás na mesmo día o derbi de Glasgow e tamén o teu primeiro partido coa selección galega, non si?
Si, así é. O do Celtic é un partido moi importante para nós, polo que primeiro teño que pensar niso. Agora estou ben fisicamente, e podo aguantar os dous partidos. Despois quero estar aí cos meus e desfrutar, porque penso que vai ser un día moi bonito.

Que agardas atopar na Coruña?
Creo que a xente vai ir ao campo. Polo que sei sempre houbo moi bo ambiente. Á xente gústalle o fútbol e penso que vai ser un partido fermoso.

Como ves á selección galega?
En Galiza hai moi bos xogadores e seguro que imos ter un bo equipo. Aínda que moitos de nós tiveramos que marchar fóra buscar a nosa oportunidade, actualmente hai grandes futbolistas.

Precisamente hai pouco falábamos diso con Roberto, o porteiro de Osasuna. A que pensas ti que se debe esta situación?
Hoxe en día no fútbol sempre se apreza máis á xente de fóra. Por desgraza a maioría das veces comezan a sacar futbolistas da canteira cando o equipo non está ben. Eu teño claro que se facemos as cousas ben, en Galiza pode saír moi boa xente. Penso que até agora non saíron tantos como deberían, xa que hai xogadores en divisións menores que, baixo o meu punto de vista, teñen condicións para estar en primeira.

E que expectativas tes con respecto ao rival, Chile?
Eu teño a idea de que os equipos sudamericanos sempre son difíciles. Iso é o que se quere, que haxa competición e se vexa bo fútbol. Chile será un contrario forte e duro, pero oxalá gañemos o partido.

No que se refire ao Rangers, actualmente estades segundos na clasificación, a catro puntos do Celtic. Como ves o equipo?

Ben, estamos só a catro puntos e aínda temos que xogar contra eles, así que as cousas están ben.

Que metas te marcas para a presente tempada?
O meu primeiro obxectivo é xogar. O ano pasado rematei marcando 18 goles, este ano levo sete en todas as competicións e estou empuxando para gañar o posto.

Ves como real a posibilidade de rematar algún día xogando en Galiza?
Si, sempre dixen que querería volver. Estando fóra botas de menos a terra, xa que os meus amigos e a miña familia están alí, pero no fútbol non se sabe o que vai pasar mañá.

Un resultado par ao partido contra Chile?
Tres a cero gañando Galiza.

Con algún gol de Nacho Novo?
Iso non o sei, con que gañemos quedaría contento.


4,93/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: