O concello pontevedrés conta con tres mil habitantes, unha cifra que podería acadar os cinco mil de contar cos reclusos.
A poboación reclusa dos cárceres galegos chega até os 4.557 internos, segundo os últimos datos ofrecidos polo sindicato Agrupación dos Corpos de Administración das Institucións Penitenciarias (Acaip). Os centros penitenciarios de Teixeiro (Lugo) e da Lama (Pontevedra) ocupan os postos 16 e 14 respectivamente na listaxe daqueles que teñen máis presos no Estado Español. É unha cuestión que non é allea ao interese dos concellos, que aspiran a contar con máis persoas censadas para aumentar os seus ingresos. Así de claro o ten o alcalde de A Lama, o popular Xurxo Canda, quen xa fixo unha solicitude perante a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias para que se empadroen no concello os case dous mil presos que cumpren a súa condena no municipio.
Segundo o rexedor, A Lama ten que recibir algunha compensación por ter nos seus terreos a prisión. No canto diso, denuncia que só lle dá gastos, ao ter que limpar a estrada que chega ás súas portas, de titularidade municipal, ou ó correr cos custes de servizos como o da recollida de lixo. Nas súas palabras, se os presos fosen censados, o concello podería cambiar de categoría e recibir o dobre de ingresos.
Antecedente en Bonxe
Segundo a lexislación vixente (Lei Orgánica de Protección de Datos), é ilegal que calquera persoa poida ser censada nun concello sen o seu consentimento. De feito, sen saír de Galiza temos un exemplo semellante que acontecía en 2007 cos internos de Bonxe (Outeiro de Rei) e que foi investigado pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD). Daquela, o alcalde Xosé Pardo Lombau (PP) recoñeceu que o concello dera de alta no censo a uns 50 presos do cárcere e anciáns dunha residencia da terceira idade. Explicaba entón que con esta práctica pretendía sufragar os gastos que implicaban estes servizos e converterse nun municipio de segunda categoría grazas ao incremento da súa poboación. Tanto reclusos como anciáns denunciaron o caso perante o Instituto Nacional de Estatística (INE).