Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A PRIMEIRA UNIÓN HOMOSEXUAL GALEGA

Máis que amigos

Na Idade Media había xa unións legais entre persoas do mesmo sexo. O primeiro compromiso documentado en Galiza é de 1061.

M.S.P. - 20:20 06/12/2008

Pedro Díaz e Muño Vandilaz. Así se chamaban as persoas que realizaron o primeiro matrimonio homosexual documentados na historia de Galiza, segundo revela na súa columna do xornal Galicia Hoxe o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.

O 16 de abril de 1061 estes dous homes, veciños do que hoxe constitúe o concello de Rairiz de Veiga, estipulan mediante escritura pública a súa convivencia xuntos na mesma casa. Neste documento, atopado no Tombo de Celanova, e actualmente depositado no Arquivo Histórico Nacional de Madrid, amosan a súa intención de compartir a súa vida ao tempo que enumeran unha serie de actividades cotiás: coidar da habitación, decorala, gobernala, repartir a vestimenta, comida e bebida..., até a morte dun deles, cando o outro se converterá no seu herdeiro. Finalmente asumen o compromiso mediante a fórmula de se converter en 'amicos bonos cum fide et veritate', e estipular a obriga de teren as mesmas amizades e inimizades 'in totos dies et noctes in omne tempus vel tempora': todos os días e todas as noites, para sempre. Esta fórmula contén moitas semellanzas cos rituais de adelphopoiesis.

Dous homes unidos nunha cerimonia
Non se trata dun caso illado nin estraño na Idade Media, nin en Galiza nin no resto de Europa. John Boswell, catedrático de historia medieval na Universidade de Yale, recolleu en obras como Same-Sex Unions in Premodern Europe ducias de exemplos de institucionalización das unións de parellas do mesmo sexo naquel tempo. A vía máis común era a 'adelphopoiesis' ou cerimonia de irmanamento, practicada por varias iglesias cristianas (principalmente as ortodoxas) durante a Idade Media e inicios da Era Moderna. Os homes unidos nesta cerimonia (non chegaron até nós rexistros de unións públicas de mulleres naquel tempo, absolutamente dominado polo patriarcado) eran soterrados xuntos, e nos cemiterios das Illas Británicas atopamos hoxendía numerosos exemplos de homes enterrados xuntos, con lendas como 'O amor uniunos na vida. Que a terra os una na morte'. En The Marriage of Likeness, Boswell mesmo documenta a celebración dunha misa para unha boda homosexual hai dou séculos na Basílica de San Xoán de Letrán, sede catedralicia do Papa como Bispo de Roma.

Cómpre facer dúas aclaracións sobre este punto, a primeira referida ás características destes compromisos, que en moitos casos supoñía unicamente unha unión de conveniencia, nin afectiva nin sexual, necesaria para reforzar unha familia ou evitar a fragmentación dunha propiedade. Porén, isto tamén era o motivo máis frecuente para as unións heterosexuais, que en moitos casos non levaban aparelladas relación sexual ningunha; é máis: a propia igrexa promovía estes matrimonios heterosexuais 'castos'. A segunda é sobre a exactitude da denominación de 'matrimonio' para estas unións. De certo que a unión de Pedro Díaz e Muño Vandilaz non o era, entroutras cousas porque até 1215 a Igrexa non fixou o sacramento para regular estes compromisos.

En documentos medievais, así como en obras literarias, atopamos exemplos abondo destas unións, como a lenda de Amys e Amylion, un relato popular que chega a nós a través do relato escrito en latín por un crego no século XIII. Nesta versión cristianizada fala de dous irmáns de sangue que loitaron para Carlomagno e que foron soterrados por separado. Pero durante a noite os cadáveres movéronse cara ao outro, e á mañá seguinte foron atopados deitados xuntos.

Ou por exemplo a historia de Eduardo II de Inglaterra e Piers Gaveston, recollida nunha crónica oficial da guerra civil, que describe o seu primeiro encontro deste xeito: Cando o fillo do rei o viu, sentiu tanto amor que realizou un irmanamento con el e se decidiu resolutamente ante todos os mortais a entrelazar unha liga indisolúbel de amor con el. Sobre este romance, a crónica do mosteiro cisterciense de Meaux en Yorkshire, comenta que Eduardo 'in vitio sodomitico nimium delectabat' (deleitábase especialmente no vicio sodomítico) e o biógrafo moderno de Gaveston conclúe que non hai dúbida de que a relación de Eduardo e Graveston era de natureza sexual. Polo tanto, o carácter sexual destas unións era tan habitual como o era nas parellas heterosexuais, atopando na literatura popular numerosas referencias chocalleiras "ao pracer especial" das relacións carnais con commatres e compatres.


4,78/5 (45 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: