Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARLOS TAIBO, POLITÓLOGO

"A ausencia dunha burguesía galega é unha vantaxe. Non hai que creala"

O profesor, que vén de publicar un ensaio en Xerais sobre a cuestión nacional, é unha das figuras máis destacadas do Foro Social Galego.

Marcos S. Pérez - 20:00 06/12/2008

Carlos Taibo pechará, ás sete da tarde deste sábado, os debates do Foro Social Galego. Será nunha mesa que compartirá con Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra e Lupe Ces. O profesor, habitual activista dos movemementos antiglobalización, é un dos maiores coñecedores da xeopolítica do leste europeo, vén de publicar en Xerais Seis ensaios sobre a cuestión nacional, unha achega divulgativa sobre a realidade dos problemas nacionais e os nacionalismos no século XXI e a dialéctica que estabelecen co proceso globalizador.

Vieiros: No medio da crise do capitalismo, é este un momento clave para o movemento altermundista, para ofrecer a súa alternativa?
Carlos Taibo: É evidente que hai moita xente esperando unha resposta da antiglobalización. E xa estamos vendo como dende hai meses algunhas das súas voces, ás que antes os medios de comunicación non emprestaban atención, están tendo moita repercusión.

Neste sentido, que importancia pode ter o Foro Social Galego desta fin de semana?
Dou pouca relevancia aos foros e aos grandes encontros; penso que é moito máis importante o traballo cotián. Este foro é un punto de encontro, de debate, que pode axudar ao movemento antiglobalizador galego, que non é especialmente forte.

A que se debe esta debilidade?
Pois en primeiro lugar á debilidade asociativa que existe en Galiza a nivel xeral. E despois a que as forzas hexemónicas da esquerda, falo do PSOE e do BNG, nunca tiveron demasiado interese en achergarse aos movementos antiglobalización. O movemento nacionalista maioritario, agora no poder, distanciouse do altermundismo, e só a través dalgúns segmentos, máis persoais e hoxe apartados da toma de decisión no partido, acometeu esta achega. É por iso que os principais apoios ás ideas antiglobalización temos que buscalos entre algunhas forzas independentistas e libertarias.

No libro fala moito de nacionalismo, de moitos tipos e nacidos en contextos moi diferentes. Pero ás veces é difícil saber moi ben o que é o nacionalismo. Que é para vostede?
Máis que nacionalismo, hai problemas nacionais de certas comunidades imaxinadas cuxas demandas son recoñecidas ou non. E é certo que existe unha gran polisemia no termo nacionalismo, pero non hai solucións máxicas nin definicións válidas para todo. Hai que descer a cada un dos problemas e situacións.

Asistimos moitas veces a dobres discursos nas grandes potencias á hora de analizar a licitude duns e doutros movementos de liberación nacional. Vémolo en Cosova, e vémolo en Xeorxia, por exemplo, coas posturas dos EUA e Rusia en cada caso...
Hai discursos dobres e códigos de dobre moral que se utilizan interesadamente. Pero hai que deixar claro que en todos os casos aos que fas referencia existen realmente problemas nacionais. Dígoo porque moitas veces parece que existe a tentación de analizar os conflitos unicamente como un taboleiro de pezas internacional. con problemáticas inventadas ou amplificadas polas grandes potencias en función dos seus intereses.

Eses dobres discursos atopámolos tamén noutro caso ben diferente, por exemplo á hora de analizar a bondade das accións das empresas galegas, defendidas moitas veces polo feito de ser galegas. Que opina destes discursos?
Simpatizo pouco con esta versión de que unha empresa, unicamente polo feito de ser galega, debe ser apoiada. Que unha empresa sexa galega ou non, non me interesa. A min se unha multinacional galega explota os seus traballadores, pouco me importa se axuda á construción da nación galega ou da burguesía autóctona. Este é un discurso moi propio de certos sectores do BNG, empeñados na construción dunha burguesía galega. Pois ben, a min a ausencia desa burguesía galega, na historia e agora, paréceme unha vantaxe para o movemento de liberación nacional galego. Non hai que creala para nada.

Que movementos espera na política internacional para os vindeiros meses, sobre todo a raíz dos cambios estéticos producidos no goberno dos Estados Unidos. Vai mudar a política internacional estadounidense?
Empregaches un termo moi correcto: mudanzas estéticas. Espero moi pouco ou nada de Obama, e moito máis despois dos nomeamentos que veu efectuando para o seu equipo, que refliten un espírito completamente continuista. Obama ten moitísimo medo a romper as regras. E sinto moito dicilo, pero Obama é o candidato número un do capitalismo norteamericano, o seu principal valedor. Non vai ser peor que Bush, pero non espero nada del.

E na Europa do Leste e o entorno ruso, que vai pasar?
Vaise rebaixar a tensión cos Estados Unidos, pero non porque estea Obama, senón porque é unha tendencia que vén dos últimos meses e que vai seguir. E no interior destes países, ao abeiro da crise, por fin van xurdir movementos críticos, que faltaron nos últimos anos. Por exemplo movementos de contestación en Rusia, que nos últimos anos fora un paraíso para as súas élites hexomónicas.


4,34/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: