Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
ENTREVISTA

Quilmas: predicar e dar trigo

Rebelarse contra as desfeitas que a Administración está a provocar ou a consentir no litoral, como por exemplo o Plan de Acuicultura, é cousa de loar. Pero se un grupo de veciños e veciñas, ademais de protestaren e resistiren, van construíndo modos de traballar e de asociarse que demostran que é posible estar e quedarse aquí e que é posible outro modo de vivir, daquela, esa xente no só predica, senón que tamén dá trigo, ou, o que é o mesmo, esa xente denuncia a inxustiza ao tempo que nos anuncia un futuro diferente. Pasamos unha mañá con Xosé Manuel Casais González, presidente do movemento veciñal de Quilmas.

Alfonso Mascuñana Bordas - 20:06 05/12/2008
Tags:

Como comenzastes a organizarvos?
A finais do 2005, ano de moitísimos lumes, comezamos constituíndo a “Plataforma pola defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas” levando adiante diferentes proxectos alternativos: unha Comunidade de Montes Veciñais para irmos recuperando a titularidade comunal do contorno da Moa (que, por certo, era un antigo lugar de peregrinación) nos montes do Pindo, e volvendo a dar vida tanto á parte forestal como á gandeira, que estaba abandonada e desfeita polos lumes. Fixemos varios roteiros pola zona, obradoiros para a recuperación de muíños, encontros populares no porto viquingo de Quilmas con festivais literarios, de música e festas gastronómicas. Fíxose unha curtametraxe e tamén rutas mariñas ás illas Lobeiras.
E a cooperativa de agricultura ecolóxica “Raíña Lupa”?
Temos ata o de agora 20 hectáreas de terreo entre as casas e o mar, que fomos xuntando mediante o sistema dun banco de terras, e traballámolas dun xeito ecolóxico. Estamos a ter obradoiros de compostaxe para familiarizármonos coas técnicas alternativas. Utilizamos a rica variedade de algas que temos a man. Puxemos produtos de horta e agora estamos a preparar a terra para poñer cereais.
Cantos socios/as sodes e con que apoios ides contando?
Somos quince pero hai moitas máis persoas implicadas, tanto no concreto da cooperativa como en todo o movemento asociativo, que ten na Asociación de veciños o seu lugar de encontro, discusión e planificación. Estamos a ter apoio da Consellería de medio Rural e do Sindicato Labrego Galego. Moitas organizacións como Adega, a Sociedade galega de Historia Natural, Greenpeace, e outras asociacións culturais téñennos dado apoio, asesoramento e acompañamento.
A piscifactoría: presente e futuro
A piscifactoría da empresa Stolt Sea Farm, S.A. situada entre unha das praias e o porto natural ocupa actualmente vinte mil metros cadrados sen permiso de verquido e facéndoo directamente á praia. Produce rodaballo. Dentro do chamado Plan Acuícola (que máis ben tiña que chamarse de piscifactorías, porque a acuicultura abarca máis aspectos) aprobado pola Xunta no mes de Agosto pasado, o plan sectorial da piscifactoría de Quilmas contempla unha ampliación que chega ata trescentos vinte mil metros cadrados contando a estación de bombeo do campo da Sel: queren pasar de vinte e cinco mil a trescentos vinte mil metros! Fíxate nestas fotos que temos no local da Asociación o que ocupa actualmente, o que pretende ocupar, e como quedaría a aldea.
Que estades a facer para paralo?
Todo o que estamos a facer dende hai tres anos en que comezamos coa Plataforma ten a finalidade de demostrar que é posible vivir aquí felizmente, sustentablemente, con calidade, sen deixarnos triturar pola prepotencia económica e de influencia política da multinacional. Asemade, loitamos con todos os medios ao noso alcance para pararmos o Plan Acuícola e manifestámonos en repetidas ocasións en unión doutros lugares da Costa da Morte e de toda a costa galega ameazados tamén, como Cabo Corrubedo, Seiruga, Merexo, Camelle, etc. O Plan contempla vinte e catro proxectos, nove deles na costa da morte, que ocuparían en total tres millóns de metros cadrados.
E dende o punto de vista legal?
Ao plano sectorial de Quilmas presentáronse cento e pico alegacións antes de que se aprobase. Agora, unha vez aprobado o plan global pola Xunta, incoamos unha demanda contencioso-administrativa contra o plan sectorial de Quilmas.
Como está a xente: ten a moral alta, está unida?
O tempo favorécenos. Ao comezo a xente non cría, pero agora a xente súmase ao rexeitamento social. É certo que o inimigo é moi potente. Por unha banda están os típicos modos de presión da multinacional: presión sobre os que traballan dentro das piscifactorías, (quince na de Quilmas, setenta máis entre os de Carnota e Lira, onde a empresa ten a central de distribución). Pola outra banda está a presión e as mentiras que van sementando casa por casa entre a xente, dicíndolles que, se non venden terreos para a ampliación, han expropiárllelos. Está tamén toda a potente propaganda que insiste en que a ampliación é unha auténtica saída para os lugares da zona. Pero con todo e iso, a xente foise sentido máis firme, non traga, albisca outras posibilidades, está unida e animada.
E o papel da Administración?
O pobo halles pedir contas. Teñen que baixar do coche oficial e escoitar os afectados. Con Pablo García, o director da empresa, reúnense cada día. Pola contra, a nós nin Touriño nin a Conselleira nos contestaron. Ten que haber neste País un cambio para crer nas alternativas que saen das bases, das asociacións, da xente; e non só nos proxectos que se planifican dende os despachos de tres multinacionais para obteren todas as ganancias que poidan (con catro centos de millóns de euros de subvención da Unión Europea) sen importarlles verdadeiramente o futuro da costa e das aldeas. E os gobernantes tiñan que tomar conciencia de por que están onde están, e quen os pon aí.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Manuel Casais no local da asociación de veciños
Xosé Manuel Casais no local da asociación de veciños
Quilmas, entre o pobo e o mar, as terras recuperadas pola cooperativa
Quilmas, entre o pobo e o mar, as terras recuperadas pola cooperativa
O proxecto de ampliación da cooperativa sobre plano.
O proxecto de ampliación da cooperativa sobre plano.