O Rosamar ten bandeira portuguesa e base no porto de Celeiro. A súa tripulación está formada por indonesios e lusos.
O pesqueiro Rosamar, de bandeira portuguesa e con base en Celeiro, naufragou este venres á mañá a 24 millas ao norte de Burela. A súa tripulación, de 13 persoas, é de nacionalidades indonesia e portuguesa.
A radiobaliza do pesqueiro activouse ás 8:45 da mañá. Cinco dos mariñeiros foron rescatados polo helicóptero Pesca 2, da Consellaría de Pesca, e trasladados ao porto da Coruña. Os cinco son portugueses, naturais das localidades de Gaia, Murtosa e Matosinhos. Outros tres tripulantes faleceron. Quedaron enganchados nunhas redes da embarcación.
Salvamento Marítimo está a coordinar o dispositivo de busca dos cinco membros da tripulación que seguen desaparecidos. Están mobilizados dous barcos de Salvamento, o remolcador María de Maeztu, os helicópteros Pesca 2 e Helimer Cantábrico e o avión Rosalía de Castro.
O Rosamar é un arrastreiro de litoral propiedade de tres armadores de Burela, aínda que con bandeira portuguesa. A empresa, Pescarias Labayén, ten a súa sede en Matosinhos, dende onde se distribúe diariamente a súa descarga en Burela.
Así, o pesqueiro, dedicado á captura de pescada e xurelo, comercializaba a totalidade do peixe no mercado do país veciño.