A UCI incluíu ao equipo ciclista profesional na relación de 18 equipos que integran a categoría "profesional continental".
O Xacobeo Galicia deu este martes un paso máis no seu difícil camiño cara ás grandes voltas nas que aínda non participou, o Giro de Italia ou o Tour de Francia. O equipo dirixido por Álvaro Pino foi elixido pola Unión Ciclista Internacional entre os 18 equipos que integran a categoría "profesional continental".
Esta é a categoría inmediatamente inferior á de Pro Tour, que abrangue aos 18 mellores equipos do panorama internacional. Os de Álvaro Pino xa foron incluídos nesta categoría o ano pasado, pero a novidade é que este ano non foi preciso usar o período de apelación, e a UCI aceptou á primeira os informes deportivos e estruturais presentados polo Xacobeo.
Agora o equipo ciclista profesional do país tratará de conseguir unha "wild car", categoría distintiva que se lle ofrece a algúns equipos "profesionais continentais" para que podan participar en todas as carreiras organizadas dentro do circuíto Pro Tour. A concesión desta licenza deriva dun proceso máis lento, e será nos primeiros meses do 2009 cando se coñeza o nome dos equipos seleccionados para recibir a "wild car".
A seguinte cita sinalada de maneira especial no calendario do Xacobeo Galicia é o día 13 deste mes. Ese día presentarase de maneira oficial o Giro de Italia e existe a posibilidade de que se anuncien alí os equipos aceptados para participar na rolda italiana.