Para combatelo propoñen organizar ben o tempo, relaxarse, facer exercicio e non traballar despois das 17 horas.
Segundo investigadores portugueses, o estrés pode causar obesidade, diabete, impotencia e doenzas cardiovasculares. Estes datos presentáronse no Porto, nun simposio sobre o que xa é considerado un dos principais problemas na área de saúde laboral.
A información, publicada no Jornal de Notícias, indica que o estrés contribuíu ao incremento de diversas doenzas, nomeadamente a nivel vascular e inmunitario, chegando até a diabete e a impotencia. Mais os seus nefastos efectos pódense evitar se se "aprende a vivir". E iso é o que precisamente se está a ensinar nas xornadas da Cofanor sobre o estrés, que se desenvolven na Fundação de Serralves, no Porto.
Unha das moderadoras dos debates, Isabel Azevedo, explicou que "é imposíbel vivir sen estrés. Todos nós temos que ser expostos diariamente a algún estrés. A cuestión é cando a presión é esaxerada e de forma continua. Aí tórnase nun factor de perturbación e de doenza".
Segundo a investigadora do Centro de Farmacologia e Biopatologia Química da Faculdade de Medicina da Universidade do Porto, poden producir estrés factores como "lidar con persoas que nos tratan mal, con abuso de poder, coa inestabilidade económica e financeira e co exceso de traballo". Moitas veces ten "unha componente psicolóxica moi grande", e "a actual conxuntura financeira internacional" veu potenciar o estrés.
Todo iso, ligado a un ritmo cada vez máis grande nas cidades e a un estilo de vida pouco saudábel fixo que se poida chegar ao "esgotamento total". Isto ten implicacións moi grandes en doenzas "cardiovasculares, do sistema inmunitario e metabólicas", apunta Azevedo, e pode desembocar en obesidade, diabete, perturbacións menstruais, impotencia e desinterese pola actividade sexual.
Para combatelo hai que "saber comer, dormir, organizar o día a día e respectar períodos de descanso". Ademais, os responsábeis patronais "tamén se debían sentir eticamente obrigados a organizar mellor traballos, horarios e a evitar conflitos". Neste senso, afirma que "a maior parte das persoas practica horarios inconvenientes, isto é saen despois das 17 horas". Tamén aconsella crear "momentos de distracción e de relaxamento, oir música, durmir o necesario" e practicar deporte: "nada sofisticado, basta moverse".