Investigadores europeos descobren, nunha área remota da galaxia, unha molécula de azucre básica para a formación da vida.
Científicos europeos descubriron, nunha rexión da nosa galaxia, unha molécula de azucre orgánico directamente relacionada coa orixe da vida. Segundo a investigación, levada a cabo por expertos do Reino Unido, Francia, Italia e o Estado Español, poderían existir planetas habitábeis nesa zona.
A molécula detectouse grazas aos equipos do Instituto de Radioastronomía Milimétrica (IRAM) situados nos Alpes franceses. O equipo estaba a observar unha área de formación masiva de estrelas situada a 26 mil anos luz da Terra.
A doutora Serena Viti, unha das autoras do documento, dixo que se trataba dun "importante descubrimento, porque é a primeira vez que detectamos glicolaldehido, un azucre básico, nunha rexión de formación de estrelas onde pode haber planetas que poderían acoller vida". O glicolaldehido é o máis simple dos azucres monosacáridos, e pode reaccionar para formar a ribosa, un dos principais constituíntes do ARN, que se cre que é a molécula máis importante para orixinar a vida. Anteriormente só se detectara no centro da Vía Láctea, onde as condicións son moi extremas.