Vicepresidencia consigue sacar adiante a Lei de Servizos Sociais co apoio unánime da Cámara.
A pesar das críticas, este mércores houbo unanimidade para sacar adiante a Lei de Servizos Sociais de Galiza. O novo texto lexislativo dota os cidadáns dunha tarxeta única para os servizos sociais, o que se definiu como “o primeiro documento de identidade universal”.
O vicepresidente Anxo Quintana asegurou que a nova lexislación sitúa a Galiza da man dos países máis comprometidos cos servizos sociais. Segundo o líder nacionalista, a lei aprobada este martes é o novo marco lexislativo “no que se cimenta o primeiro Sistema Galego de Benestar nacional”. Unha das características máis importantes da lei é a obriga de que, nun prazo máximo de seis anos, todas as institucións públicas destinen un mínimo dun 7% do orzamento a políticas sociais.
O PPdeG sinalou que modificará a lei se chega ao Goberno. Porén, dende as filas conservadoras xustificaron o apoio á lei asegurando que “é mellor neste momento unha mala lei a que non a haxa”. O PP considera que a lei é demasiado “intervencionista” e que “despreza os concellos”.