O grupo de estudos do CSIC con base en Pontevedra estudou as mellores condicións de cultivo e de cociñado das verduras para conservar as súas propiedades.
O grelo e a nabiza teñen un alto valor nutricional e propiedades anticanceríxenas e antioxidantes. Así o comprobou a Misión Biolóxica de Galicia, centro de investigación do CSIC situado en Pontevedra. O grupo analizou como o clima pode afectar ás características destas verduras e que técnicas de cocción conservan máis as súas propiedades nutritivas.
O traballo de investigación está financiado pola Consellaría de Innovación e Industria a través do Plan Incite de I+D+i cun total de 80 mil euros, dentro do programa de Recursos Agropecuarios. A Misión Biolóxica leva anos estudando, principalmente, as nabizas e os grelos, por consideralo "o cultivo que pode ter máis interese para o consumidor galego e de fóra de Galiza", explicou o investigador Pablo Velasco.
O estudo conclúe que son "alimentos funcionais" e beneficiosos para a saúde. A súa característica diferencial é que posúen glucosinolatos, que lle dan o seu característico sabor amargo ao tempo que teñen propiedades anticanceríxenas. Segundo Velasco, "existen numerosos estudos que relacionan o consumo (...) coa menor incidencia de diversos tipos de cancro (...) e o efecto anticanceríxeno dos isotiocianatos, produtos de degradación dos glucosinolatos".
Outra das características beneficiosas destas verdoras é o seu alto contido en calcio, polo que son recomendábeis para persoas que padecen osteoporose e serven de alternativa ás persoas intolerantes á lactosa. Por último, conteñen vitamina C, con propiedades antioxidantes.
Porén, o grupo de investigación atopou que, ao cociñar o grelo ou a nabiza, perde parte das súas propiedades, que pasan parcialmente á auga de cocción. Así, pérdese unha cuarta parte dos glucosinolatos, outra cuarta parte pasa á auga e só a metade queda na planta, pero no caso da vitamina C "a perda acada case o cen por cento". Por iso investigaron diferentes técnicas de cociñado, como a cocción a presión ou mediante microondas, para comprobar que a perda de elementos é máis pronunciada canto máis alta sexa a temperatura e máis tempo pase o produto exposto a ela.
Outra parte do estudo dedicouse a determinar como responden as diferentes variedades fronte ao clima e que condicións permiten acadar mellores colleitas: "Ao sementar está ben que haxa un pouco de calor, pero ante un outono demasiado cálido non reaccionan ben. Medran moi ben ao principio, pero poden ser atacadas por diferentes pragas de insectos, e logo son máis sensíbeis ao frío que chegará nos meses de inverno. O grelo e a nabiza desenvólvense ben en condicións de frío e humidade non extremos", asegura Velasco.