Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROJECTO TREPJA

Os tres pés da música tradicional do século XXI

O colectivo gañou o GZCrea cunha aposta pola actualización do folk, a danza, a videocreación e as intervencións públicas e performances.

M.S.P. - 09:00 26/11/2008

Os integrantes de Projecto Trepja afirman que a historia da música galega tradicional pódese dividir en catro etapas, e eríxense en iniciadores desa cuarta etapa. Preséntase así un colectivo multidisciplinar que xunta a un grupo de mozos de Pontevedra, formados na música e o baile tradicional, e que dende esta base fan unha aposta pola súa actualización. Acaban de iniciar o camiño: xuntáronse hai uns meses para concorrer ao certame do GZCrea e hai unhas semanas levaron o primeiro premio na categoría de música e o segundo no de videocreación.

Oroso Reloaded

A Roseira

Deganha


Porque Trepja non é só un grupo de música, e non é só unha formación de baile, é moito máis. A trepia é un obxecto de ferro con tres pés que se coloca sobre o lume para apoiar olas. Tres pés: música, danza e imaxe para chegar á vangarda dende a tradición.

"A recolheita de campo já nunca mais será material inerte e anquilosado, senom um instrumento mais ao serviço da expresom cultural", din. Projecto Trepja traballa con recolleitas de sons tradicionais, pero tamén fai recolleitas das achegas da vangarda. Ao pandeiro de man únese a zanfona eléctrica, o baixo, a batería electrónica e un gran número de samplers e efectos. Ecléctica Ensemble, Mercedes Peón ou Bonovo, son nomes aos que se ligan.

Dividen a historia da música galega en catro etapas: unha primeira, "tempo de fiadas, de segas, de fiadeiros, de ruadas e de seráns" na que a música formaba parte da vida cotiá: "um tempo no que cantar e tocar nom eram umha habilidade gratuita, eram umha linguagem, um código... era folklore". Unha segunda etapa, no que "o folklore disfrazou-se de saia vermelha com terciopelo negro e espantalhos (...) fijo-se-lhe crer à gente que aquilo os repressentava, que aquelas danças e música esperpénticas eram as suas raízes". A terceira etapa sería a da recuperación, a das recolleitas das creacións populares tradicionais, coas que se recreou a música galega, aínda que no manifesto pendurado na súa web interróganse sobre "o que é fiel ou o que foi... ornamentado".

E a cuarta etapa, o tempo e o lugar de Trepja: "Agora, hoje, com esta terceira idade aínda viva, pero co'a segunda já, afortunadamente, morta quase de todo, surde já umha quarta, e com ela, ['trepia]". Esta cuarta etapa defínese pola deconstrución (non destrución) da música e a dança tradicional. O colectivo atrévese a dicir: "Com nós nasce o crescimento, a expansom. O género 'folklore' começa a nom ser definido polo superficial, polo óbvio, senom polos conceitos, valores e princípios que o sustentam".

O obxectivo é devolver a música e o baile galego tradicionais aos espazos públicos, ao tempo presente, aos centros comerciais, mercados, prazas e rúas das vilas e cidades. "Esse lugar geográfico do que falavamos ao começo, esse país, segue a existir, segue a estar aquí e segue a se chamar Galiza. Mais já nom é so lugar e tempo de todo aquilo que citavamos, é lugar e tempo de muito mais (...) é lugar e tempo onde cabem, em igual medida, o respeito pola tradiçom e a ambiçom por innovar, por re-criar, por misturar, crescer e reintegrar", din.

Todos os pés da trepia: arte e reivindicación
O grupo artéllanse en función dunha outra trepia para a difusión e consecución dos seus obxectivos: asociativa, escénica e reivindicativa. En primeiro lugar, o colectivo quere articularse como asociación para un mellor desenvolvemento dos seus proxectos. Ademais, procuran que as súas actuacións teñan lugar en escenarios e tamén na rúa, en espazos públicos: "Dada a acuciante necessidade de transmitir novos valores a respeito da nossa cultura tradicional, achamos indispensável o achegamento à sociedade contemporánea da própia cultura". Nas cidades galegas do século XXI non hai segas nin seráns, pero a música que os acompañaba segue sendo válida.

Os outros pés da trepia. Projecto Trepja triunfou no certame GZCrea para novos creadores. Fíxoo na categoría de música, pero tamén recibiu un premio na sección de videocreacións. O colectivo defende a videocreación como método de expresión válido para a cultura tradicional, contando con internet como plataforma divulgativa. Pola súa banda, no baile, como na música, pártese da base da tradición que, deconstruída, únese con elementos da danza contemporánea. Entre as novidades, por suposto, o feito de bailar con roupa de rúa, vaqueiros e zapatillas, e tamén o xa referido obxectivo de ocupar os espazos públicos, sobre todo aqueles nos que a presenza do baile tradicional é máis inesperado. Moitas destas performances, con distintos graos de aceptación, están recollidas en vídeo e pódense ver na rede.

A actuación no mercado de Pontevedra foi recibida con sorpresa e con agrado polas vendedoras e clientes, que convidaron ao colectivo a actuar todos os luns. Moi distinto foi o resultado da súa visita a outro mercado, privado neste caso, un supermercado da cidade, onde ao minuto de comezar a cantar, foron convidados a marchar por un garda de seguridade. Os propios clientes do supermercado aceptaron de moi mal xorne a performance, chamándolles 'inadaptados' ao cruzárense con eles polos corredores.


4,97/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



As súas actuacións na final do GZCrea

Na praza de abastos de Pontevedra

Noutro 'mercado', onde foron moito peor recibidos