Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pau a atractivos turístico de Mondoñedo

A Fervenza: de área recreativa de privilexio a agasallo para minicentral

A Xunta non responde as alegacións do Concello e bota adiante un proxecto investigado pola Fiscalía e que arrampla cun espazo natural protexido.

Redacción - 14:00 24/11/2008

"Unha total falta de respecto". Así cualifican desde o grupo local da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) a indiferenza desde o Goberno fronte ás queixas e alegacións presentadas ao proxecto de construción dunha minicentral hidroeléctrica que afecta a área recreativa d'A Fervenza, en Mondoñedo.

A empresa promotora deste salto eléctrico comezará esta semana cos pagamentos pola expropiación dos terreos afectados, unhas indemnizacións que foron estabelecidas nunha resolución do Xurado de Expropiación de Galicia. A iniciativa contou coa beizón da Xunta, con informes favorábeis da Consellaría de Política Territorial e a Consellaría de Medio Ambiente, que permitiron continuar co proxecto malia as alegacións presentadas. De feito, e máis dun ano despois do groso das queixas achegadas en contra da minicentral por asociacións, particulares e polo propio Concello, Augas de Galicia non respondeu aínda a ningunha das alegacións.

Especialmente relevante é a ausencia de resposta ao goberno municipal, xa que A Fervenza aparece de feito nas guías turísticas como espazo destacado do municipio, vendéndose como un dos seus atractivos turísticos importantes. Así, a Xunta permitirá chantar a minicentral no río Tronceda en pleno espazo protexido dentro da Rede Natura, declarando o proxecto hidroeléctrico "de utilidade pública". "Cousas como esta fan que nos preguntemos se a Xunta está traballando verdadeiramente para o interese xeral dos galegos, ou máis ben responde a intereses particulares duns poucos", láianse desde Adega A Mariña. Recordan os ecoloxistas que o Goberno ten na mesa o detalle das irregularidades denunciadas polos veciños, e das que xa lles contamos en Vieiros anteriormente. Insisten por iso en que Augas de Galicia tiña argumentos abondo para acometer a revisión e caducidade da concesión deste aproveitamento hidroeléctrico.

Concesións "non irrevogábeis"
Na última solicitude de revisión do expediente que presentou Adega, o colectivo ambiental recorda que as concesións realizadas no seu momento a Luís Castro Valdivia e asociados son investigadas pola Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por presunto delicto de tráfico de influencias, sendo as dos saltos mindonienses da Lagoa e Cabana, no río Tronceda, dúas das minicentrais en cuestión.

A resolución xudicial posterior podería considerar nula a concesión, con responsabilidade penal por prevaricación. Segundo expón Xosé Chao, de Adega A Mariña, o propio Consello de Contas puxo en dúbida a argumentación segundo a cal as concesións son irrevogábeis, polo que non se entendería a resistencia de Augas de Galicia a revisar o proceso.


4,57/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A área da Fervenza, que os veciños queren evitar que se estrague coa minicentral / Imaxe: Xosé Chao (Adega)
A área da Fervenza, que os veciños queren evitar que se estrague coa minicentral / Imaxe: Xosé Chao (Adega)
Outra imaxe da fervenza, atopada no Flickr de Fabiolo (Pontedapedra)
Outra imaxe da fervenza, atopada no Flickr de Fabiolo (Pontedapedra)