Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DEPORTIVO 3 - 1 ATHLETIC CLUB

O Depor xustifica na segunda metade o que gañara na primeira

Os homes que dirixe Miguel Ángel Lotina colócanse sétimos, empatados a puntos co Atlético de Madrid.

Redacción - 11:00 24/11/2008
O xogo aéreo foi a única arma que amosaron os bizkainos / Foto: Athletic-club.net

O xogo aéreo foi a única arma que amosaron os bizkainos / Foto: Athletic-club.net

O Deportivo acadou unha merecida vitoria ante un Athletic Club de Bilbao que marchou da Coruña cheirando a segunda división. Nunha primeira parte tola os locais marcharon á caseta cunha clara vantaxe de dous goles a cero no marcador. O xogo non foi vistoso e ningún dos dous equipos mandou con autoridade no xogo, pero decidiu o encontro a maior calidade dos coruñeses na liña creativa, onde destacou o bo partido de Lafita, Guardado e Verdú.

Os xogadores do Athletic adicáronse a mandar balóns longos buscando a Fernando Llorente, que volveu ser unha illa no medio de adversarios colgándose das súas costas. O principal problema que tivo esta proposta foi que ningún compañeiro gañaba os balóns que o enorme dianteiro rioxano prolongaba.

O primeiro gol chegou no minuto 19, cando Ze Castro aproveita o despexe do porteiro bilbaino a unha falta lanzada con picardía por Joan Verdú. Pouco despois, no 23, Mejuto González pita un penalti sobre Llorente que lanza Andoni Iraola e para Aranzubia. A partir de aí o Athletic comeza a crear algunha ocasión, pero o Depor parece sentenciar no minuto 44 co gol de penalti transformado por Verdú, despois dunha falta cometida por Amorebieta sobre Bodipo.

Na segunda parte o Deportivo saíu disposto a dominar o encontro, cun xogo combinativo no que destacou a figura dun Joan Verdú que dirixiu con atino aos seus compañeiros. O catalán marcou perfectamente os ritmos do partido e estivo axudado por Guardado e Lafita, que dende as bandas constituíron un continuo perigo para o equipo vasco.

O Athletic achegouse no marcador no 26´ da segunda parte, cun gol de Javi Martínez ao rematar un excelente centro de Pablo Orbaiz, pero aínda así non conseguiu asustar a un Dépor que pareceu recuperar a solidez defensiva que o caracterizou na segunda volta da liga pasada. Así, o equipo dirixido por Joaquín Caparrós só creou perigo en accións a balón parado e envíos longos, deixando a impresión de que precisan un xogador creativo encargado de facer de ponte entre os que defenden e os poucos que atacan. Llorente e Ion Vélez tiveron cadansúa ocasión antes de que Guardado pechara o partido ao finalizar un contragolpe levado á perfección por Sergio, que saíra na segunda parte.

Vitoria xusta para un Dépor que defendeu ben, aproveitou as súas ocasións e tivo paciencia para sentenciar ao Athletic. Os galegos colócanse sétimos empatados a puntos co sexto clasificado, mentres que os bizkainos seguen en postos de descenso, a dous puntos da salvación.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: