Na mañá da sexta feira, esta empresa de compoñentes despediu 18 traballadores, sen previo aviso. Ao resto non lles garantiu a continuidade no futuro.
Un cento de traballadores da empresa do sector da automoción Copo Ibérica -dedicada á confección de recheos de asentos, pousa-cabezas e apoia-cóbados-, permanecen pechados nas oficinas da planta, situada en Mos, en protesta polo despedimento de 18 compañeiros, e para pedir a súa "readmisión inmediata".
A protesta comezou ás 14:00 horas, segundo recolle Europa Press, en declaracións de Francisco Miranda Vigo, presidente do Comité de Empresa de Copo Ibérica, quen tamén sinalou que, unha vez comezado o peche, a xerencia chamounos a unha xuntanza. Nela, os representantes dos traballadores pediron a readmisión para os 18 despedidos e, en todo caso, se algún empregado decidise abandonar a empresa por propia vontade, falouse da negociación das condicións ofrecidas nun comezo -20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades-, para melloralas.
En canto á posibilidade de que esta planta realice futuros recortes de persoal;Miranda Vigo explicou que na xuntanza coa xerencia "non se garantiu nada" sobre o futuro do resto de traballadores.