A artista da Castañeda (Arzúa) prepárase para recibir unha homenaxe multitudinaria na súa terra o vindeiro domingo día 30.
Tras máis de 35 anos de carreira musical Ana Kiro tomou un pequeno descanso para loitar contra un cancro que leva varios anos mirando de amolala. Falou con Vieiros dende a casa que ten en Mera, para dar un repaso á súa longa carreira musical. As primeiras cancións en galego, o seu forte vencello coa emigración ou o paso pola televisión foron algúns dos temas que tratamos.
Vieiros: Como comezou Ana Kiro a cantar?
Ana Kiro: Dende pequena cantaba nas festas da casa dos meus pais en Barcelona. Estando alí xa comecei a cantar en galas e tamén na televisión, nun programa presentado por Joaquín Prats e Laura Valenzuela.
No comezo da súa carreira o seu idioma era o castelán. Por que decidiu mudar ao galego?
O de cantar en galego veu por un ofrecemento que me fixo Manuel Muñiz cando me amosou unha canción feita por el chamada "Galicia, terra meiga". A canción gustoume e leei coa discográfica, que non a quería editar en galego porque dicían que era un mercado moi pequeno. Despois acabaron pedíndome desculpas porque en só dúas semanas vendemos máis de cen mil casetes. Máis tarde souben que Manuel Muñiz non compuxera a canción, senón que fixo unha adaptación dunha peza tradicional das Rías Baixas.
Ana Kiro tivo sempre unha grande aceptación entre as sociedades que os galegos formaban naqueles lugares a onde emigraban. Influíu neste fenómeno o feito de que vostede se formara como cantante na emigración?
Claro, antes de cantar para os emigrantes eu era unha emigrante. Ninguén pode saber o que se sente cando estás emigrado se nunca estiveches fóra, por iso puxen sempre moito cariño nas cancións en galego que cantaba para a xente que estaba na emigración.
Malia acadar elevadas cifras de ventas, nunca se te asociou coa imaxe clásica dunha diva. Puideron ter algo que ver os comezos?
Eu son precisamente a antítese da diva, idea ca que se asocia un aire de superioridade. A min cualificóuseme como unha cantante popular, xa que comecei cantando enriba de palcos de madeira ou incluso de tractores; alumeándome coas luces dun camión ou cambiando de roupa nunha corte. Iso axúdache a valorar o que vas acadando, e por iso fuxín sempre de excentricidades. Cando fun cantar por aí só pedía unha estufa para non se pasar frío no camerino.
Como chegou vostede á televisión?
No 95 fixéronme unha homenaxe na Coruña e viron que se quedaron curtas as localidades. Eu creo que aí foi onde a TVG viu que Ana Kiro chamaba á xente, e que lles podía dar audiencia. Fixeron o programa "Toda unha vida" no que eu procurei colocar nun primeiro plano os músicos galegos das romarías, acompañados por outros de fóra, máis coñecidos, como Rafael, Lolita ou os Panchos. O programa rematou porque eu volvín adicarme ás galas. Despois no 98 propóñenme facer un programa diario que non ía só de cancións, senón de diferentes temas de actualidade que eu aínda non coñecía en profundidade. Ao final atrevinme, fixemos "Tardes con Ana" e puxeron ao meu servizo unha importante produtora que me trataba moi ben e axudábame a facer o meu traballo. Rematei facendo 501 programas dos que me sinto moi orgullosa, porque fixen con éxito algo no que non me vía traballando. Non é unha cuestión de vaidade, senón un agradecemento a todo o público que me seguiu durante eses anos. Hai unha anécdota moi fermosa dunha vella que me parou un día pola rúa para dicirme que na súa casa as vacas non saían da corte até que remataba o meu programa.
Cales son os músicos galegos que máis lle gustan na actualidade?
Hoxe gústanme Carlos Núñez, Uxía ou Pili Pampín, unha moza humilde que canta cancións galegas, algo de agradecer porque é moi importante que non se perdan as nosas cancións. Máis aínda hoxe son unha namorada dos Tamara e de Pucho Boedo.
O día 30 vai recibir unha homenaxe na súa terra, na vila de Arzúa á que pertence a parroquia da Castañeda. Que agarda desta data?
Xa me fixeron varias homenaxes en Camariñas, aquí en Mera e agora esta en Arzúa. Cando che fan unha homenaxe é porque te queren, e iso fai ilusión, pero se é na casa isto é aínda máis especial. Con respecto a estes recoñecementos eu xa falei co meu home de que non quero que estas demostracións de cariño continúen cando eu xa non estea. Por que se van a facer despois si eu xa non as vou vivir?
Como está a correr o tratamento contra o cancro?
Non é doado, pero estamos a batallar. Eu creo que coa miña fortaleza podo dar moitas esperanzas a xente coma min. Coa miña actitude quero transmitir unha mensaxe sinxela: "teño cancro e vou loitar". Cando comecei o tratamento o doutor díxome que a terapia sería o 50% do traballo e a outra metade tería que poñela eu. Penso que a miña parte non a estou a poñer soa, xa que están a contribuír amigos, familiares e seguidores que me empuxan a seguir loitando cun apoio que non me cansarei de agradecer.