Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica autorización en Valdeorras

Riomao loita contra a apertura dunha canteira de cuarcita

Veciños do Concello d'A Veiga critican que Xunta e Concello vaian facilitar que unha empresa "converta en queixo gruyere" un espazo natural de privilexio.

Redacción - 13:20 21/11/2008

Desde a Asociación Cultural de Prada achégannos denuncia da canteira que se vai abrir na zona de Riomao, no Concello d'A Veiga, na comarca de Valdeorras, onde a xente do lugar de Prada xunta voces en defensa do patrimonio local. Hai xa dous anos que os veciños recoñecen que sabían do proxecto presentado por unha empresa para furarlles o monte, pero admiten que nunca pensaron que as administracións foran apandar cunha "barbarie ecolóxica" desa dimensión.

Agora, e toda vez que Goberno e Concello outorgaron os permisos correspondentes, os veciños pregúntanse a que criterios atenderon as administracións para autorizar a explotación dunha canteira "nunha paisaxe natural que nun futuro formará parte do Parque Natural de Pena Trevinca". Critican así que o propio alcalde da Veiga, o socialista Fernando Fernández, defina de "barbaridade" o proxecto pero xustifique o permiso municipal dicindo que "cumpre con todos os requirimentos legais".

Por este motivo, o colectivo veciñal iniciou unha mobilización, con recollida de sinaturas incluída, baixo o lema "Non á canteira". Denuncian non só o "nefasto efecto visual" que consideran que causará a obra, senón tamén a perda dun patrimonio natural "único" e as consecuencias negativas desde o punto de vista socioeconómico para a zona: freo ao turismo rural, creación de escombreiras, destrución de flora e fauna, circulación de vehículos pesados por vías xa en mal estado... "Imos deixar desaparecer o lugar onde os nosos avós e pais plantaron milleiros de piñeiros ou abetos que resistiron durante anos ao lume?", pregúntanse.


Ligazóns

4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: