Manuel Vázquez, que acudiu a Cerceda á presentación da planta de recuperación de envases lixeiros, sinalou que os cambios en Sogama son evidentes.
Ao conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, non lle tremeu a voz na súa visita ás instalacións de Sogama en Cerceda. Logo de toda a polémica xerada ao longo deste mes, Vázquez subliñou que o bipartito tiña moi clara a necesidade dunha nova política de residuos e que neso se está a traballar tanto na sociedade pública como a nivel lexislativo. Como exemplo sinalou que este mesmo martes saíu publicado no DOG a nova Lei de Residuos, que entra en período de alegacións. Fronte ao modelo que apostaba pola incineración, o titular de Medio Ambiente sinalou que a principal característica do novo será a descentralización e a compostaxe.
Vázquez reiterou que a súa consellaría non chegou a Sogama coa intención de facer “unha caza de bruxas”. A este respecto, lembrou que o Consello de Contas xa tiña censurado determinados aspectos da anterior xestión nun informe no que tamén traballa a Fiscalía do Tribunal de Contas. O conselleiro defendeu o labor do novo presidente da sociedade pública, Xosé Álvarez, do que afirmou que é “é valente porque non lle treme a man para rachar co anterior modelo”.
O conselleiro visitou con membros do seu gabinete a planta de clasificación de envases lixeiros de Sogama. As novas instalacións apostan pola recuperación de materiais. Dende a sociedade pública sinalan que o novo servizo vai servir para recuperar 9.500 toneladas de envases lixeiros, un 53% máis dos actuais. A planta vai empregar separadores electromagnéticos que atraen os materiais e que os clasifica. O novo sistema tamén servirá para detectar o papel que por erro vaia depositado no colector amarelo.
Pola súa parte, o deputado conservador Xaime Castiñeira volveu criticar o proceso de concesión da automatización da planta e afirmou que os propios técnicos de Sogama non recepcionaron a obra e que non asinan a mesma porque “non ofrece o rendemento previsto” nas condicións da adxudicación. Castiñeira volveu a acusar ao presidente de Sogama de terlle concedido a dedo o servizo a Cepsa, no canto de facelo a Urbaser (relacionada con Unión Fenosa).
O máximo responsábel de Sogama, Xosé Álvarez, subliñou que a sociedade pública está a traballar na transparencia das concesións, tal e como recomendou o Consello de Contas, e lembrou que por vez primeira participou no proceso unha universidade pública.