Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
VIQUEIRA, CAPITÁN DA SELECCIÓN MASCULINA DE FÚTBOL

"Oxalá algún día poidamos ver a Galiza competindo nun mundial"

O compostelán está a recuperar o seu xogo imaxinativo e milimétrico no Xerez, co que actualmente ocupa posicións de ascenso á primeira división.

Pablo García Martínez - 09:45 23/11/2008
Xosé Emilio Viqueira, capitán da selección galega

Xosé Emilio Viqueira, capitán da selección galega

Unha vez decidido os rivais e escenarios do cuarto partido da selección masculina de fútbol, Vieiros quixo aproveitar para analizar as perspectivas coas que se achegan a este partido algúns dos seus protagonistas. Comezamos polo capitán do equipo, Xosé Emilio Viqueira, que aos 34 anos está a vivir a súa segunda xuventude nas filas do Xerez. O nacemento deste excelente medio creativo repárteno o Fátima compostelán e o Deportivo. Mais foi en Andalucía onde atopou a estabilidade que un futbolista necesita para ceibar certos impulsos de especial importancia nun xogador que vive da imaxinación posta ao servizo dun sutil pé dereito. Despois dun paso fugaz polo Levante volveu ao Xerez, onde os afeccionados usan o pseudónimo de "o meigo" para referirse ao capitán da selección galega.

Vieiros: Aínda non se coñece a lista de convocados para o vindeiro partido da selección. Se del dependera, estará Xosé Emilio Viqueira no partido da Coruña?

Viqueira: Claro. Seguirei indo á selección galega sempre que me chamen e eu estea en condicións de xogar.

Logo se han cumprir tres anos do 29 de Decembro do 2005 no que a selección masculina xogou o primeiro partido da súa era moderna. Que recordos gardas daquel día?

Era o primeiro partido da selección e foi un motivo de orgullo moi grande participar nel, xa que representar a Galiza é un honor para calquera xogador. No meu caso aínda máis, porque o partido celebrábase en Compostela que é a miña casa.

Dende o segundo partido fuches elixido capitán do equipo, non sei que significado tivo isto para ti?

Foi outra grande ledicia, xa que ser o capitán da selección galega é sempre un motivo de orgullo pero tamén unha grande responsabilidade.

Dos tres partidos disputados até o momento cal é o máis especial?

Os tres foron fermosos, pero eu creo que o máis especial foi o de Compostela, porque era o primeiro partido dunha selección pola que se levaba moito tempo agardando.

O rival deste ano será o equipo chileno, adestrado polo prestixioso Marcelo Bielsa. Que agardas de eles?

Chile é un grande equipo. Cada vez temos rivais máis difíciles, pero isto é bo para nós porque melloramos a nosa competitividade e tamén para a afección que se divirte máis. Este último é o aspecto máis importante nos partidos da selección galega.

Como outros moitos xogadores, tiveches que fuxir de Galiza para ver como arrincaba a túa carreira profesional. Con que equipos desenvolviches durante estes anos unha maior empatía?

Teño grandes recordos de toda a miña traxectoria deportiva. Lémbrome con cariño dos meus comezos no Fátima de Santiago ou do paso polo Deportivo, onde me fixeron como xogador e tamén como persoa. Aínda así, o meu mellor fútbol deino en Huelva e Xerez, e como consecuencia foi alí onde fun máis apreciado.

Xogar un mundial é o soño de todo futbolista profesional. Cando ti soñabas, ou soñas, con esa imaxe que camiseta defendes?

Para un futbolista xogar unha competición como o mundial é o máximo. A día de hoxe é algo ficticio, pero cando penso nesa idea encantaríame ir tanto coa selección galega como coa española.

Galiza conta hoxe con varios xogadores participando nas mellores ligas do estado, e tamén no estranxeiro. Como valoras o nivel do equipo en comparación con outras seleccións do panorama internacional?

Eu penso que hai futbolistas de moito nivel, bos adestradores e, en conxunto, un gran equipo. Aínda así temos que ser realistas e agora mesmo aínda estamos a moita distancia dos equipos que dominan en Europa. Oxalá algún día podamos ver a Galiza xogando unha competición como o mundial, pero penso que agora o importante é xogar, desfrutar do que temos e facer que a xente desfrute.


4,89/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: