O 28 e o 29 de novembro a ETS de Enxeñaría de Compostela acollerá conferencias e mesas redondas sobre o novo panorama creativo na sociedade do coñecemento.
A Oficina de Software Libre da USC organiza por primeira vez unhas xornadas sobre coñecemento libre e dereito nas TIC, que se van desenvolver o 28 e o 29 de novembro na ETSE do Campus Sur compostelán. As xornadas preséntanse como un xeito de amosar os aspectos legais do panorama das tecnoloxías da información, explorando até onde está desenvolvido un corpus de garantías legais e onde hai carencias. Os procesos de creación colaborativos, a propiedade intelectual e o dereito á privacidade dos propios datos serán outros dos temas de debate.
O programa enmárcase no contexto da sociedade da información, caracterizada polo desprazamento da produción de bens materiais que centrou os séculos pasados en favor da creación, transmisión, procesado e manipulación de información. Nun contexto de multiplicidade de axentes e de intereses, dáse unha falta de información sobre as implicacións das accións e das súas consecuencias.
Na organización colabora a Asociación de Técnicos de Informática (ATI) e conta co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, dependente da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, do Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Galiza (GLUG) e da Asociación de Usuarios de Linux da USC (AULUSC).
O programa, que aínda está en preparación, pódese consultar na web das xornadas, onde tamén se pode efectuar a inscrición online, que é optativa, pois as xornadas son abertas e de balde.