Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
KIKO MONTERO, XERENTE DO CLUB

"O Rosalía gasta na canteira o 30% dos seus orzamentos"

O filial do Instituto Rosalía proclamouse esta semana campión do torneo Sub 20 que tivo lugar na capital do país. Falamos cun dos seus responsábeis.

García Martínez - 19:45 15/11/2008
Kiko Montero no pavillón do Instituto Rosalía de Castro

Kiko Montero no pavillón do Instituto Rosalía de Castro

Vieiros aproveitou o campionato Sub 20 que se desenvolveu esta semana en Compostela para conversar con Kiko Montero, xerente do club Instituto Rosalía. Ademais de felicitalo pola vitoria dos seus mozos no primeiro torneo deste circuíto estatal, demos un repaso ao presente dun dos máis importante clubs de canteira do país.

Vieiros: En que aspectos concretos axudan estes campionatos á evolución dos mozos como xogadores de baloncesto?

Kiko Montero: Hai que pensar que nós temos unha base de equipos inferiores moi boa e o problema principal é o salto que hai entre o equipo filial, que está en primeira nacional, e o equipo da LEB Ouro. Trátase dunha diferenza moi grande, e iniciativas como esta axudan aos rapaces a evolucionar dun xeito gradual. Estes campionatos serven un pouco de plataforma para facilitar o salto ao primeiro equipo.

A nivel organizativo, este campionato supuxo un evento importante para o club. Como valora o traballo realizado cando repasa os tres días de competición?
Non é complicado organizar este evento, porque os equipos veñen moi mentalizados. Veñen cunha planificación técnica e, polo tanto, teñen un só obxectivo: competir. Temos organizado campionatos máis complicados, como o campionato estatal de autonomías.

Afondando na felicidade que supuxo a vitoria no torneo, de que xeito avalía o traballo das súas promesas?
Para nós esta competición era unha incógnita, xa que non coñeciamos os outros equipos. Por iso a primeira xornada era para valorar os rivais, tanto para eles coma para nós. Foi unha grande ledicia ver que o noso equipo compite ao mesmo nivel que estes tres equipos, que están moi alto, sobre todo os canarios. Agora estamos contentos, e imos ver que pasa cando nos toque xogar cos demais.

Hoxe en día é habitual ver clubs deportivos con problemas económicos. Pode ser a canteira unha solución para estes casos, ou tamén para outros supostos de crise puramente deportiva como a que está a vivir o Beirasar Rosalía neste inicio de ano?
Por desgraza, cando os grandes clubs apostan pola canteira é porque non hai cartos, mais a canteira tamén supón un custo importante; no noso caso o 30% do orzamento do club. Nós apostamos nos últimos anos pola incorporación de adestradores de primeiro nivel aos equipos de base. É un traballo a longo prazo, xa que non decides un día subir un rapaz a xogar co equipo sénior. Ese rapaz chega aí porque levas anos traballando para preparalo. Procuramos que o próximo ano non só estea no primeiro equipo Pablo Posse, senón tamén outros como Antonio Pantín, Javinger Vargas ou Marek Soucek.

As dificultades económicas son algo cotián para os clubs deportivos que están fora do epicentro mediático no que se xeran as mastodónticas riquezas coas que se asocia ao deporte, tal e como están a comprobar os vosos veciños do Cidade de Santiago. A vostedes tamén lles toca xogar a funámbulos cando fan as contas?
Hai moitas maneiras de ver os patrocinios. Nós non temos un patrocinador importante do que dependa o 40% do noso orzamento, como pasa noutros casos. O Rosalía ten múltiples patrocinadores de pequeno tamaño, e isto apréciase cando reparas nos 10 anuncios que atopas na camiseta do primeiro equipo. A situación agora mesmo é a de pequenas achegas que imos sumando para xuntar algo grande. Se algún patrocinador ten un problema e deixa de axudarche, é máis doado buscar un patrocinio de 20 mil euros que un de 400 mil. Moitas veces, cando fallaban os de 400 mil era cando se desfacían os equipos. Ao ter varios patrocinios pequenos evitas isto.

De que xeito avalía a situación actual do baloncesto galego?
Antes había tres buques insignia representativos como eran o Breogán de Lugo, Club Ourense Baloncesto e OAR Ferrol, pero os ferroláns non tardaron en caer e remataron por desaparecer totalmente. Os outros dous clubes fóronse mantendo co apoio das súas respectivas deputacións provinciais. Despois pasaron épocas boas e outras non, até chegar ao punto no que estamos hoxe, co Breogán na LEB Ouro e o COB na LEB Prata. Fóra destes casos, estamos outra serie de proxectos xurdidos de pequenas empresas, como pode ser o noso caso, o do Gestibérica en Vigo ou o Básquet Coruña. Estes equipos traballamos forte na canteira, fomos subindo chanzos grazas ao apoio de patrocinadores de nivel medio, e conseguimos dar o salto.

E a nivel de canteira?
A nivel de canteira está todo moi concentrado. En Vigo está o Seis do Nadal, en Lugo o Estudantes Balogal; en Ferrol o Tirso; en Coruña o Básquet Coruña; en Santiago estamos nós e nalgunhas categorías Peleteiro ou La Salle; e en Ourense os Salesianos nun acordo co COB. Digamos que estamos vivindo unha época na que tende a haber un equipo de canteira forte por cada cidade. Isto son ciclos, o importante é que haxa cada vez máis rapaces xogando e tamén que os clubes invistan en levar aos seus equipos bos adestradores.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: