Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
FERNANDO SUÁREZ, PRESIDENTE DO CPEIG

"É unha ameaza para a sociedade que exerzan a profesión outros titulados"

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galiza apoia unha folga destinada a defender o recoñecemento da súa titulación fronte a outras.

M. del Río - 10:15 16/11/2008

Fernando Suárez foi elixido en decembro de 2007 como o primeiro presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galiza, que se acababa de constituír. Nesta entrevista fala do seu labor á fronte da institución e da próxima convocatoria dunha mobilización estatal para esixir o recoñecemento efectivo da súa titulación, prevista para o mércores 19.

Que supuxo a creación do Colexio Profesional?


Foi algo moi positivo. Como dixemos no seu momento, foi a noticia máis importante do ano no eido da Informática en Galiza. Era unha necesidade que tiñamos, un obxectivo que perseguimos dende había 15 anos. Era necesario que houbese un colexio para regular a profesión, para que servise como unha ponte de diálogo do traballo dos informáticos.

Cales son as funcións que está a cumprir o colexio?

É o representante legal da profesión no ámbito en que ten competencias. Neste caso, en Galiza, perante a administración autonómica. Principalmente dedícase á defensa da profesión perante a sociedade. Avogamos para que se contraten titulados en Enxeñaría Informática como garante da calidade dos traballos, e como nexo de unión de todos os titulados de cara ao futuro, con axudas ao emprego, melloras dos seus coñecementos mediante a organización de cursos, e tamén estamos a traballar conxuntamente coa administración autonómica, para levar as TIC a todos os ámbitos sociais. Asinamos dous convenios con Innovación e Industria: unhas xornadas de difusión das TIC no xornalismo e tamén un proxecto piloto de uso de certificados dixitais e sinatura electrónica. O obxectivo é difundir os beneficios das TIC e da Sociedade da Informaicón na sociedade.

O 19 de novembro convocouse unha folga estatal dos enxeñeiros en Informática. Vostedes apoian esa mobilización?

Este sábado tivemos unha xuntanza en Madrid na que participamos representantes dos 11 colexios de Enxeñería Informática do Estado Español. Asinamos un comunicado final de apoio ás manifestacións e estaremos presentes nelas. Cremos que é vital para o futuro da Enxeñaría Informática regular a profesión e as contratacións. A xornada de paro vén convocada polo rexeitamento á proposición de lei presentada polo PP no Congreso dos Deputados. Despois de loitar moito, conseguimos que o PP e o BNG apoiasen a iniciativa, contra a que votaron o PSOE, entre outros partidos. Xurdiu o descontento e o agravio para todos os estudantes de Enxeñaría Informática, máis de 200 mil, polo que naceu esta convocatoria.

Que pode supoñer que non se acepten as súas reivindicacións?

Esperamos que sexa un éxito. Temos dialogado cos ministerios, pero as nosas peticións non foron escoitadas. Así que cremos que é o momento doutro tipo de iniciativas, como esta manifestación convocada para o día 19. Se non se acepta o que pedimos, será un momento moi doloroso, unha situación de desamparo fronte a outras titulacións. As competencias estarán en mans doutros titulados que tiveron un plan de estudos que non está tan enfocado a eses traballos. Vémolo como unha ameaza tamén para a sociedade, porque vai haber profesionais menos preparados para cubrir labores relacionados coa informática.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: