Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
CRISE ECONÓMICA E EXPOSICIÓNS DE PINTORES CONSAGRADOS NAS GALERÍAS DE ARTE

Picasso, Magnelli, monográficas de mestres para enfrontar a crise

A arte é un ben cultural, prescindible. As galerías de arte tratan de capear a crise económica con apostas firmes polas ofertas monográficas de mestres de saneada cotización. Tan forte está batendo a crise no mundo da arte?

Lito Caramés - 13:30 09/11/2008

Hai uns días saltaba a sorpresa. Un cadro de Bacon era vendido en poxa (Christie's) tan só polo prezo de saída, feito inesperado e sorprendente, e que explicita que a crise ataca tamén aos valores artísticos máis afamados, e dados até agora como seguros. Ao tempo, semella que a continuidade na especulación artística está garantida (ou estaba?) en China. A irrupción do xigante asiático no mercado internacional da arte pode ter efectos sorprendentes. En China hai (polo de agora) un cento de museos de arte que están medio baleiros. E hai que encher. Esa demanda era a esperanza das grandes casas de xestión artística occidentais. A dúbida é se a economía chinesa tamén se verá moi afectada pola crise económica.

Mentres, as galerías de arte de Barcelona, e doutras cidades, acomodan as súas actividades aos mandados da crise. Este outono apostan por ofrecer exposicións monográficas de mestres das vangardas históricas do século pasado.

35 Picassos

Tal é o caso da galería Manel Mayoral. No seu local da rúa Consell de Cent, 286, pódense contemplar, e comprar, obras de Pablo Picasso, presentadas baixo o título de “35 Picassos”. A mostra é interesante e ampla. Hai pinturas e debuxos, de formatos cativos e non tan pequenos, de épocas pre-cubistas, e dos anos trinta até os setenta. Todo un luxo. Na entrada da galería está Horta de Sant Joan, 1898, un xogo, unha premonición. Segundo estudosos e artistas, Picasso viviu e viu en Horta de Sant Joan, esa cativa vila do sur de Cataluña, a revolución da pintura do século XX. Logo ensaríllanse debuxos e pinturas con temáticas xa coñecidas ao longo da vida do pintor do Guernica: traballos sobre o corpo feminino, pallasos, minotauros, guitarras, autoretratos ou composicións cubistas.

Entre outras creacións atópase o debuxo (que xa vén sendo un logotipo) do Quixote. Proba de que é un referente internacional é que aparece nunha escena do filme sueco A Comedia da Vida, 2007 (Du Lavende), de Roy Andersson.

Magnelli, pinturas e debuxos

A galería Oriol, pola súa parte, presenta unha longa exhibición de obra de Alberto Magnelli, o artista florentino que soubo traballar a pintura, desde os anos dez até os anos sesenta da pasada centuria, sen deixarse encasillar en ningunha das múltiples vangardas que lle foron coetáneas e que trataron de ganalo para as súas filas. Entre elas cómpre subliñar o futurismo italiano e mais o cubismo francés. A mostra, titulada Pinturas y Dibujos, fai un percorrido pola creación do artista, desde os anos dez até finais dos sesenta, desde os comezos figurativos e fauvistas, até esa linguaxe persoal que o levou a facer propostas informalistas e dunha abstracción lírica.

Interesante os debuxos e pinturas da serie “Pierres”. En 1931 Magnelli visita as canteiras de mármore de Carrara (material e lugar tan ligado a vida artística da súa cidade, Florencia). Do impacto que lle provocaron os inmensos bloques de mármore na montaña de Carrara (monte que un día Miquelangelo Buonarroti quixo usar para facer unha escultura ciclópea), Alberto Magnelli elabora numerosos debuxos e pinturas nos que se obsesiona cos volumes, e lle permiten abandonar definitivamente calquera ensaio figurativo.

Outras galerías, outras monográficas.

A mesma tendencia ás monográficas de artistas ben coñecidos vaise atopando en máis galerías de Barcelona, Madrid e outras cidades.

A galería Artur Ramon decide exhibir (e vender) obra de Guinovart dos anos 50. Neses anos Guinovart déixase levar por eidos que mesturan o surrealismo e mais as influencias picassianas. Josep Guinovart aínda non hai un ano que morreu na cidade de Barcelona.

A nómina de galerías barcelonesas que tratan de seguir vendendo mentres dura a crise e que apostan por monográficas é moito máis ampla. Pero, se miramos o panorama madrileño acontece outro tanto. Eduardo Chillida (galería Elvira González), Palazuelo (galería Cayón), etc. Todo parece indicar que a crise afecta o mundo artístico. Como se fose parte da Bolsa Internacional, os compradores de arte buscarán “valores” seguros no mercado.


EXPOSICIÓNS

35 Picassos
Galeria d'Art Manel Mayoral
Consell de Cent, 286 | Barcelona

Alberto Magnelli. Pinturas y Dibujos
Oriol Galeria d’Art
Provença, 264  | Barcelona


3,25/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Picasso, "Horta de Sant Joan", 1898 (detalle)
Picasso, "Horta de Sant Joan", 1898 (detalle)
Picasso, "Tête" 1971
Picasso, "Tête" 1971
Picasso, "Dedicatoria con dibujo del Quijote", 1958
Picasso, "Dedicatoria con dibujo del Quijote", 1958
Magnelli, "Pierres", 6G, 1933
Magnelli, "Pierres", 6G, 1933
Magnelli, "Ouverture", 1968
Magnelli, "Ouverture", 1968