Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Antonio Reigosa, escritor

“A literatura oral hai que sentila, escoitala, contala, compartila e gozar dela”

Unha ollada ás angueiras que Antonio Reigosa leva acometido como creador de historias, etnógrafo e estudoso da literatura popular. Entrevista no Canal Irimia.

Aldegunde Quiñones - 09:30 08/11/2008

Dicir que Antonio Reigosa é escritor só é apuntar unha pequena parte do que fai este especialista no mundo máxico ao que se debruzou desde neno e do que xa non puido afastarse. Naceu en Zoñán, cousa que non todo o mundo pode dicir, e talvez non sexa imprescindible, pero vir ao mundo na bisbarra mindoniense facilita moito as cousas se un quere ser especialista no trasmundo que habita na nosa imaxinación popular. Quéixase Xan de Outeiro nun dos seus libros de que xa non anda nos contos nin fai nacer outros novos, cousa só en  parte certa se botamos unha ollada ás angueiras que Antonio Reigosa leva acometido como creador de historias, etnógrafo e estudoso da literatura popular. Non diremos nada dos moitos premios que leva recibido porque é mellor que gocemos da súa literatura, da súa web www.galiciaencantada.com e da súa sabedoría e ilusión cando fala do que a xente leva cantado e contado ao longo da nosa historia.



Canto tempo lle queda á literatura popular de tradición oral?

Penso  que a literatura transmitida oralmente nunca vai desaparecer. É posible que desapareza antes o galego como lingua de uso. O que si desaparecen son moitas lendas, ou mitos, ou contos, cando desaparecen as persoas se non houbo quen os quixese escoitar, pero a literatura popular ha seguir. De feito hai lendas urbanas que están causando furor e non son máis ca adaptacións de vellas historias. Ao mellor introducen un coche, suceden nunha discoteca ou falan de drogas actuais onde antes había un cabalo, un muíño ou un encantamento, pero a historia é a mesma.  

Daquela non hai que obsesionarse por recoller historias antes de que morra a xente que as conservou na súa mnemoteca?

Si, si, hai que recoller, sempre debemos pensar que un patrimonio tan delicado como é o que se transmite oralmente pode desaparecer e por tanto debemos buscar fórmulas que permitan ás xeracións futuras saber que existiu. Recollelas é necesario, imprescindible, pero eu non comparto unha visión “arqueolóxica” da literatura popular. Hai que recoller para documentar, para saber, para seguir transmitindo, non para gardar aló no fondo dun armario do pasado coma se estivese morto ou se fose inútil este patrimonio.  

Que lle parece o tratamento que se lle dá á literatura popular no ensino?  

Desde o meu punto de vista é moi deficiente. Agás excepcións, que as hai, a maioría do profesorado limítase a falarlles aos alumnos/as dunha clasificación en xéneros seguindo un esquema da literatura chamada culta, ofrecendo unha visión moi empobrecida deste eido da nosa cultura. A literatura oral hai que sentila, escoitala, contala, compartila e gozar dela. Se a tratamos como algo alleo e antigo contribuímos á súa desaparición e ao desinterese dos máis novos por calquera manifestación literaria  oral.  

Que importancia tivo a literatura popular cando o galego deixou de ser unha lingua escrita
?

As linguas, todas as linguas sen excepción resisten, permanecen vivas, mentres o pobo as use día a día, nos seus quefaceres, nas súa relación privadas ou públicas, no lecer ou nos intres de dor, e a literatura que chamamos popular é unha parte fundamental da cultura. O galego existe porque sempre houbo un pobo que o usou, que creou literatura para cantar ou para contar. 

Como cambiou o modelo de transmisión deste tipo de literatura nos últimos tempos?  

A literatura que chamamos oral tiña dúas grandes funcións; unha, o divertimento, e outra, se cadra máis importante, a da educación. Ensinar como funciona o mundo por vía de exemplos a través de fábulas, lendas, refráns ou contos xa non ten sentido, xa non se fai. Agora os vellos como fornecedores de coñecemento están desprestixiados, o saber parece que sempre vén de fóra e por tanto hoxe a transmisión, aínda que non sexamos plenamente conscientes, faise a través de aparellos coma a televisión, a radio ou internet.  Seguimos consumindo literatura oral pero os referentes cribles, os transmisores son aparellos mentres aos maiores preferimos telos calados e apartados do sistema educativo. E hai saberes que non están nos libros nin veñen de fóra, deberamos telo sempre en conta. 

Cales son os obxectivos de web Galicia encantada? En que consiste o proxecto "Didáctica da fantasía”?

Galicia Encantada naceu precisamente para intentar servir de ponte entre ese modelo supostamente caduco, o de boca a boca, e as novas xeracións que xa non acreditan nos maiores. Quere ser unha fonte fiable, trasmitir o que se nos contou, e trasmitir o noso, o que herdamos, sen adulteralo ou falsealo e valéndonos das novas tecnoloxías, o deus dos máis novos. E dalo a coñecer ao mundo para que o mundo saiba que existimos. O tempo dirá se mereceu a pena.
Didáctica da fantasía quere ser un recurso para achegarse a este mundo que imos deixando a un lado, son propostas para o profesorado e para as persoas que traballan con interese pola nosa cultura. 

Que presenza ten a literatura popular nas túas obras

En todo canto escribo está presente a literatura oral. Igual que outros crean novas propostas literarias  inspirándose en modelos ou referentes da chamada literatura culta, eu prefiro e recoñezo que tomo como referente tanto temas como técnicas, estruturas, recursos achegados pola literatura oral.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: