Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
APAIXONANTE XORNADA DE DOMINGO

Esta fin de semana van saltar lapras na terceira galega

De Santa Comba a Verín, pasando por Pontevedra ou Portonovo. Unha xornada chea de enfrontamentos directos que ameazan con mudar a clasificación, na parte alta e baixa da táboa.

Redacción - 19:00 08/11/2008


A segunda fin de semana de novembro trae consigo a que xornada máis emocionante do que levamos de tempada. Enfrontamentos directos pola parte alta e baixa da táboa, nunha 11ª xornada onde tres equipos optan á primeira posición.

O partido máis apaixonante vivirase en Santa Comba, no campo da Fontenla, onde o equipo local estrea a súa condición de líder fronte a un Compostela que resulta ser o seu inmediato perseguidor. Enfróntase o equipo máis goleador, o Compostela, contra o segundo menos goleado. Santa Comba e Compostela contan con cadanseu asasino da área, como son Iván e Vladimir respectivamente. O adestrador local, Gelucho, preparará unha aliñación capaz de conter o caudal ofensivo dun Compostela que chega á vila do Xallas na fura de diante, xa que acadou 10 dos últimos 12 puntos aos que optaba. Sen dúbida un partido apaixonante.

No campo da Grela agárdase outro encontro interesante que enfrontará a Montañeros e Negreira, é dicir, terceiro e cuarto clasificado. Os coruñeses, adestrados polo antigo xogador do Deportivo Xosé Ramón González, veñen de perder a primeira posición da categoría ao caer derrotados contra o Arousa a semana pasada. Diante terán ao equipo que tira maior rendibiliza os seus goles, xa que ocupa o cuarto lugar na táboa con nove goles recibidos e 10 marcados. O partido comezará ao mediodía do domingo.

Estes son só os dous encontros máis destacados dunha xornada chea de enfrontamentos directos. Así, catro dos cinco últimos clasificados xogarán entre si, polo que a parte baixa tamén pode sufrir considerábeis variacións despois da 11ª xornada. O Pontevedra B, último clasificado con seis puntos, recibe na Xunqueira ao Narón que ocupa o 15º lugar con só nove puntos acadados até o momento. A hora fixa para o comezo do encontro son as 16.00.

O filial do Pontevedra podería recuperar varias posicións, dependendo do que aconteza en Portonovo. Alí enfróntase o equipo local contra o Cerdeda, antepenúltimo e penúltimo clasificado respectivamente, con oito e sete puntos. O estadio de Baltar acollerá este emocionante enfrontamento a partir das 16.30 horas do domingo.

Estes son catro enfrontamentos directos dunha espectacular xornada que se completa cos seguintes encontros:

Gran Peña - Ordes (Estadio de Barreiro, 16.15 horas)
Alondras - Arousa (Estadio do Morrazo, 16.30 horas)
Céltiga - Ourense (Estadio Salvador Otero, 16.30 horas)
Verín - Somozas (Estadio Xosé Argiz, 16.30 horas)
Coruxo - Lalín (Estadio do Vao, 17.00 horas)
Rápido de Bouzas - Vilalonga (Estadio Baltasar Pujales, 17.00 horas)


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: