Un mercante estadounidense rescatou o sétimo sobrevivente do barco galego que se dedicaba á pesca do peixe espada.
Catro dos 11 tripulantes do palangreiro guardés 'José Almuíña' seguen desaparecidos. Un mercante estadounidense rescatou outro dos traballadores do barco, que se suma aos seis atopados nunha balsa o xoves.
Segundo fontes de Salvamento Marítimo, o último tripulante localizado é de nacionalidade indonesia. Os seis primeiros rescatados están ben de saúde e navegaban cara á costa do estado de Texas. Deles, tres son galegos, da Guarda, Baiona e Ribeira, e outros tres indonesios. Desa mesma nacionalidade son as catro persoas que continúan desaparecidas.
Na zona do afundimento continúan varios barcos mercantes estadounidenses na busca dos náufragos, coa coordinación dos Gardacostas de Norfolk, Virxinia. O 'José Almuíña', un palangreiro con base en Vigo e propiedade de armadores da Guarda, afundiu o xoves a mil millas ao leste das illas Bermudas. O barco dedicábase á captura do peixe espada.