Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Loita pola supremacía no sector enerxético

Gas Natural acelera o engulimento de Fenosa

A compra adiantaríase un mes. O grupo gaseiro anunciara as súas intencións en xullo deste ano, mais o capital galego non prevé aumentar a súa participación.

Redacción - 13:30 04/11/2008
O presidente de ACS, Florentino Fernández

O presidente de ACS, Florentino Fernández

O pasado 24 de xullo de 2008, a compañía Gas Natural daba o primeiro paso para adquirirlle a ACS o 45% da súa participación na compañía eléctrica Unión Fenosa, confirmándose o interese do grupo gaseiro por conseguir un anaco da eléctrica, nun movemento estratéxico que sería unha das últimas oportunidades para os cataláns de medrar no sector enerxético a nivel estatal, despois dos frustrados intentos sobre Iberdrola e Endesa. Despois desta compra, a compañía gaseira aínda lanzaría unha Oferta Pública de Adquisición (OPA) sobre o resto de participación de ACS (54,7%).

Esta terza feira, o grupo liderado por Salvador Gabarró anunciou, durante unha xuntanza con analistas, que a compra de Unión Fenosa por parte de Gas Natural podería executarse "cun mes da anticipación". En palabras do conselleiro delegado da gaseira, Rafael Villaseca, "a liquidación podería estar en marzo ou a comezos de abril de 2009". Villaseca tamén indicou que non hai "noticias negativas" sobre a compra, e que tal vez se produza "unha aceleración". "Non cremos que a CNC (Comisión Nacional da Competencia, entidade que debe revisar o proceso) estea atrasada", engadiu Villaseca, antes de lembrar que o calendario para a compra elaborado pola súa empresa foi, dende un comezo, "conservador".

Sen "riscos financeiros"
Porén, o directivo de Gas Natural aproveitou para advertir que "un competidor está a intoxicar e facilitar datos e opinións terxiversadas ao mercado e á opinión pública" a pesar de que "non existe unha base seria" para presentar demandas, segundo dixo, sobre a súa compañía. Neste sentido, hai nada Gas Natural arrepúxose a Iberdrola porque a eléctrica decidiu recorrer ante Industria a decisión da CNE de non analizar a compra de Unión Fenosa.

En canto aos prazos de compra, Gas Natural calculou que "esta semana ou a seguinte" a CNC ha fechar o análise da primeira fase de compra, tras o que pasarán dous meses antes de comezar a segunda fase. Após todo este tempo, Gas Natural comprará o 35,4% da participación de ACS en Fenosa, e lanzará unha OPA polo 100%. Por outro lado, o directivo da gaseira catalá insistiu en que a operación de compra de Unión Fenosa non está exposta a riscos financeiros, xa que o crédito asociado está garantido. Gas Natural sostén que pode acudir, cando o desexe, aos recursos do préstamo concedido por 10 entidades financeiras.

A "alta dificultade" do capital galego para tomar posicións
Neste momento a presenza de Galiza no conxunto de accionistas de Unión Fenosa redúcese a un 10%, do que Caixanova ten un 5%, Caixa Galicia algo máis do 3% e o Banco Pastor pouco menos do 2%. Os tres conseguirían cuantiosas plusvalías se vendesen estas participacións.

Porén, no momento de anunciarse os primeiros prazos de compra por parte de Gas Natural, en xullo deste ano, o presidente do Executivo galego sinalaba que para as entidades galegas con participación en Unión Fenosa ampliar o seu capital "ten un custo tan alto" que posibelmente "preferirán recoller plusvalías". Neste sentido, Touriño dixo tamén que, de concretarse a compra da totalidade de Unión Fenosa, "quedaría configurado un grande grupo enerxético", e reiterou que para os accionistas galegos na eléctrica tomar máis posicións é "altamente dificultoso".


4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: