Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Malia a UNANIMIDADE DO PARLAMENTO

Os montes galegos non serán compensados pola súa contribución medioambiental

O goberno español descartou establecer compensacións fiscais, malia que os montes galegos reteñen o 21% do CO2 que se acumula nas árbores do estado.

Redacción - 09:00 04/11/2008
Pérez Bouza levará unha moción ao senado para saber o que pensan todos os grupos.

Pérez Bouza levará unha moción ao senado para saber o que pensan todos os grupos.

O goberno que dirixe José Luís Rodríguez Zapatero comunicou por escrito a súa decisión de rexeitar a iniciativa de Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG. Pérez Bouza pedía ao executivo compensacións económicas e fiscais para institucións que contribúen na loita contra o cambio climático. Referíase aos montes en mancomún ou as Uxfor, e falaba en nome do parlamento galego, que o pasado 25 de Xuño aprobou por unanimidade unha proposición non de lei, instando á Xunta a pedir compensacións económicas e fiscais para estas entidades asociativas.

Na súa resposta, o goberno indicou que o actual marco tributario do imposto de sociedades "contén bastantes medidas fiscais específicas" a prol da xestión sostíbel dos montes. No que se refire aos impostos especiais, a administración estatal indicou que "non semella que as compensacións fiscais" para primar a repoboación podan ser aplicadas "mediante beneficios" neses mesmos impostos.

O senador nacionalista afirmou que "non é de recibo" o rexeitamento que a proposta sufriu por parte do goberno español. Pérez Bouza criticou que non se teña en conta a importancia dos montes galegos na absorción de dióxido de carbono, xa que reteñen o 21% do que se acumula nas árbores de todo o estado, ademais de outros gases causantes do efecto invernadoiro. Asemade, anunciou que levará ao senado unha moción para que todos os grupos podan manifestar claramente as súas posturas sobre o tema de debate.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: